Presentan unha denuncia por "irregularidades" do tentadero de Moraña
Por Redacción
A asociación animalista Libera e a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas anunciaron este xoves o envío dunha denuncia administrativa á Subdirección Xeral de Xogo e Espectáculos Públicos da Xunta de Galicia contra as "irregularidades" detectadas na realización do tentadero taurino do pasado domingo 3 de setembro, que tivo lugar en Moraña.
Animalistas e abolicionistas coinciden en sinalar que tanto o Concello de Moraña como os promotores da XXI Romaría Cabalar de Santa Xusta son "cooperadores e colaboradores necesarios" na realización do espectáculo taurino, que se promocionou mesmo nos carteis oficiais do evento.
Galicia, Mellor Sen Touradas e Libera revisaron numerosas imaxes e aseguran ter detectadas "toda clase de irregularidades", polo que remitirán xunto ao escrito, unha copia de todas as fotografías e vídeos que acreditan que o espectáculo taurino "non dispoñía nin sequera de medios de Protección Civil nin equipos de asistencia médica, a pesar de que se tentou dar o cariz dun acto privado, cando só se vetou a entrada a persoas pola súa simpatía política, precisamente aquelas que eran proclives a denunciar o tentadero".
No documento de seis páxinas de extensión lémbrase ao executivo autonómico as competencias en materia de espectáculos públicos e os seus requisitos mínimos, así como o articulado das normas estatais en materia taurina, xa que Galicia carece de regulamento taurino "por razóns obvias, como a falta de apoio cidadán e político á tauromaquia".
As organizacións esperan agora "que a Xunta de Galicia actúe fronte a unha estrataxema cutre do lobby taurino", que sería "facer pasar por tentaderos privados o que resultan ser capeas sen cumprir coas disposicións regulamentarias".
Finalmente engaden os abolicionistas que durante o evento, "a propia alcaldesa da localidade (PP) e o responsable da asociación cabalar, contemplaron a capea desde o exterior do recinto, comentando alegremente o espectáculo".
Relacionadas:
-
A Xunta arquiva o expediente sancionador aberto polo 'tentadero' taurino de Moraña
Por Redacción |
-
Bará pregunta no Parlamento polo expediente aberto tras o 'tentadero' taurino de Moraña
Por Redacción |
-
Cuestionan a "lentitude" coa que se tramita a denuncia contra o 'tentadero' taurino de Moraña
Por Redacción |
-
Luís Bará critica a organización dun "tentadero" en Moraña con apoio da alcaldesa
Por Redacción |
-
Ou tentadero taurino ou axuda da Deputación
Por Redacción |
-
Críticas por un 'tentadero' taurino en Moraña
Por Redacción |