Os traballadores dos hospitais de Pontevedra, en pé de guerra pola mobilidade interna
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Chega un setembro tenso nas relacións entre os traballadores dos hospitais públicos de Pontevedra e a xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) ante a decisión de non contemplar as resultas na proposta de administración da mobilidade interna.
A Xunta de Persoal, coa presidenta Carmen Revenga á fronte, expoñía este venres a súa postura de oposición á oferta realizada pola xerencia. Os representantes dos traballadores reclaman que os postos que quedan sen ocupar (resultas) tras o proceso de axuste saian como prazas a concurso a maiores da mobilidade. Desta forma evitarían situacións de provisionalidade e que a dirección concedese as prazas de maneira discreccional "para darllas a quen lle pete".
Revenga, en nome de todos os sindicatos con representación na Xunta de Persoal, sinalaba que a mobilidade interna é a forma que teñen os traballadores, agás os facultativos, de cambiar no posto de emprego dentro dos distintos servizos dos hospitais e debe facerse cada dous anos, segundo se recolle nas bases establecidas polo Servizo Galego de Saúde. Desde a Xunta de Persoal queren que todas as prazas poidan ser elixidas de forma voluntaria polo persoal fixo.
O 5 de setembro manterán asembleas tanto en Montecelo como no Hospital Provincial para decidir se inician un calendario de protestas contra a posición da xerencia que, segundo os representantes sindicais, négase a aceptar as propostas da Xunta de Persoal porque carecen dun programa informático para desenvolver esta iniciativa.
Os traballadores levan cinco anos sen aplicar esta mobilidade interna, segundo os sindicatos, polos cambios continuos na dirección de Recursos Humanos. Cambiaron catro veces de directores neste departamento durante o último lustro.