Augas de Galicia comprométese a limpar a canle do río Gallo no tramo urbano de Cuntis
Por Redacción
Augas de Galicia poñerá remedio a unha das vellas reivindicacións de Cuntis, a limpeza da canle do río Gallo ao seu paso pola localidade.
O organismo autónomo comprometeuse a realizar os labores de limpeza no tramo urbano do río, necesarias segundo o Concello e os propios veciños para minimizar as crecidas en período invernal e limitar ao máximo as posibles inundacións.
Así o comunicou Augas de Galicia ao alcalde de Cuntis, Manuel Campos, nunha reunión celebrada en Santiago de Compostela á que asistiron o director e subdirector do organismo autonómico.
No encontro tamén se trataron outros asuntos que afectan a Cuntis como a mellora da eficiencia e xestión da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Meira ou a aprobación do proxecto e autorización para realizar traballos de mellora nas depuradoras rurais do municipio.
Por outra banda o Concello de Cuntis comprometeuse a trasladarlle a Augas de Galicia unha memoria técnica que sinale as zonas do bordo do río Gallo nas que cre necesario actuar.