O PP pide que o Concello inste os veciños a limpar as parcelas para previr incendios
Por Redacción
O Partido Popular vén de presentar unha moción pola vía de urxencia para que o goberno municipal, de xeito inmediato, inste aos propietarios de parcelas e terreos a que procedan á súa limpeza para previr incendios forestais.
No caso de non facelo voluntariamente, debería procederse á execución subsidiaria por parte do Concello e á correspondente sanción económica.
Para iso, os populares reclaman que o goberno inicie un procedemento para identificar todas as parcelas do termo municipal de Pontevedra afectadas polo artigo 21 da lei 3/2007 para a prevención de incendios forestais de Galicia, que obriga a esta limpeza de todos os terreos nun radio inferior a 50 metros ás zonas habitadas.
"A lacra dos incendios forestais é unha tarefa de todas e todos: administracións, comunidades de montes veciñais en man común, labregos, propietarios de terreos forestais e o conxunto da cidadanía en xeral", sinalou o concelleiro popular, César Abal, que entende esta moción como "necesaria e indispensable" para a loita contra o lume.