O goberno local rexeita a creación dun único xulgado uniprovincial en materia de cláusulas hipotecarias
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno recibiu este luns a proposta da Alcaldía, dirixida ao Pleno do Concello, para rexeitar a creación dun único xulgado uniprovincial en materia de cláusulas hipotecarias abusivas do Consello Xeral do Poder Xudicial, sumándose ao rexeitamento do Colexio de Avogados de Pontevedra evitando calquera medida que prexudique á cidadanía afectada nestes procedementos.
A proposta de acordo que se levará ao pleno adhírese á opinión do dito colexio oficial, de que se trata dunha decisión "inxusta e antisocial que favorece á banca en prexuízo da cidadanía, sobre todo daquelas persoas que non residen nas catro cidades nas que se sitúan as sedes elixidas".
Entenden ademais que a medida prexudica o funcionamento da administración de xustiza, "ao impedir repartir o traballo dunha forma axeitada entre os distintos partidos xudiciais sobrecargando a catro xulgados xa colapsados".
Pola súa banda, o Consejo General da Abogacía Española, que representa aos 83 colexios de avogados de España, e o Consello da Avogacía Galega amosaron tamén o seu rexeitamento á proposta do CGPJ de creación destes xulgados uniprovinciais especializados, argumentando que a dita decisión excepciona as normas procesuais en materia de competencia territorial en prexuízo das persoas afectadas, ás que se obriga a renunciar ao foro predeterminado, e non garante unha maior eficacia nin rapidez na tramitación dos procedementos.
Por estes motivos, a instancia do Colexio Oficial de Avogados de Pontevedra, a moción pide que este Concello se sume ao rexeitamento á creación do xulgado uniprovincial referido, coa intención de evitar o establecemento de calquera medida que prexudique á cidadanía afectada nos procedementos polas cláusulas hipotecarias abusivas.