O Concello adicará 207.000 euros á mellora da nave municipal de Campañó
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Concello pon en marcha o proceso para a contratación do proxecto de reforma e mellora da nave municipal de Campañó. Segundo explica o concelleiro de Patrimonio Municipal, Vicente Legísima, o deterioro polo uso e o paso do tempo e a existencia de novas necesidades fan necesaria a actuación que, por outra banda, leva tempo demandada.
A nave municipal de Campañó serve de base a catro brigadas municipais que suman unha trintena de traballadores. Son as de sinalización viaria, obras e mantemento, parques e xardíns e electricidade
O proxecto elaborado polos servizos técnicos municipais -Oficina Técnica de Arquitectura e Planeamento (OTP) - guía unha reforma ampla e ambiciosa que sairá a contratación por 207.038,74 euros.
A actuación que se vai a levar a cabo inclúe a substitución da cuberta, novos vestiarios de mulleres, a reforma e redistribución da entre planta, o pintado da nave e outros pequenos arranxos.
Só a retirada da cuberta existente de uralita -de placas nervadas de fibrocemento- terá un custe por enriba dos 65.000 euros. O traballo de desmontaxe e retirada de entullos non está exento de risco polo posible desprendemento de amianto.
A reforma da entre planta -cuxo custe roza os 43.000 euros- levará da man a creación de espazos de almacén ordenados e diferenciados co fin de facilitar o acceso ao material e o traballo do persoal das brigadas municipais. Baixo a entreplanta estará o espazo para o estacionamento de vehículos.
Por outra banda os novos vestiarios de mulleres suporán un investimento de arredor de 15.800 euros. Serán dependencias adaptadas ás necesidades das traballadoras.
MOCIÓN DO PP
A través dunha moción, que debaterán no vindeiro pleno, o Partido Popular pide que de xeito urxente a mellora das condicións do parque de maquinaria municipal situado no polígono do Vao. O concelleiro do PP, Jose Luis Martín, fíxose eco desta "demanda histórica" de arranxo dunhas instalacións nas que "é evidente o desleixo e a despreocupación" que, a seu xuízo ven amosando o goberno local do BNG.