O parque forestal da Fracha, máis preto
Por Alejandro Espiño
As comunidades de montes de Tomeza, Marcón e A Canicouva formalizaron este venres a cesión ao Concello de preto de 150 hectáreas de terreo comunal, o ámbito no que se creará o parque forestal periurbano da Fracha.
O acordo, asinado co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, implica a cesión de uso do monte comunal durante 35 anos e o Concello comprométese a facer a inversión inicial -arredor de 400.000 euros- e o mantemento da área que terá un custe anual de 60.000 euros.
O parque forestal da Fracha, segundo Fernández Lores, axudará a dar resposta á crecente demanda de espazos naturais para o desenvolvemento de actividades de lecer e tempo libre sen esquecer o aproveitamento forestal e produtivo do monte por parte dos comuneiros.
Nel haberá sendas e roteiros peonís, e por tramos ciclistas, e tres áreas de lecer e descanso, unha por parroquia, todas elas situadas en espazos emblemáticos desde onde contemplar a panorámica que se ve desde o monte da Fracha.
As comunidades garantirán o acceso das persoas ao parque e estas terán que respectar a propiedade. Ademais, plantaranse especies frondosas e autóctonas galegas e eliminaranse todas aquelas árbores invasoras ou que contribúan a expandir o lume como os eucaliptos.
"A Fracha é un exemplo de aproveitamento racional do monte, social e produtivo do que nos beneficiaremos todos", subliñou o alcalde Miguel Fernández Lores, que lembrou que este coidado tamén supón un arma contra os incendios forestais.
O concelleiro Demetrio Gómez destacou a elevada participación que hai detrás do parque periurbano da Fracha, pois o Concello e os comuneiros tiveron desde o principio o obxectivo de coordinar os usos, mellorar o medio natural e traballar a prol do presente o futuro do monte.
Na actualidade está elaborando o proxecto tendo en consideración a opinión das comunidades e se lles presentará antes dar o si definitivo. O Concello agarda que toda esta tramitación estea rematada antes de que remate o ano.
Relacionadas:
-
Ence restaurará case 700 hectáreas de plantacións de eucalipto degradadas
Por Oskar Viéitez |
-
O parque forestal da Fracha impulsará plantar 11.000 árbores e eliminar 160.000 acacias
Por Natalia Puga |
-
O souto máis extenso da provincia estará en Campañó
Por Alejandro Espiño |
-
Marcón aproba por unanimidade o proxecto do parque forestal da Fracha
Por Oskar Viéitez |
-
En setembro retomarase o proxecto do parque forestal da Fracha
Por Redacción |
-
O Parque da Fracha ocupará 240 hectáreas co reto de ser exemplo de xestión forestal
Por Redacción |