O PP propón impulsar o turismo relixioso en Pontevedra e promocionala xunto a Fátima e Lourdes
Por Alejandro Espiño
Pontevedra conta, segundo o PP, cun feito diferencial que une a cidade con enclaves de grande tradición relixiosa como Fátima e Lourdes. É un eixo que está unido polas aparicións marianas. Por iso, os populares instan ao goberno municipal a promover o turismo relixioso na cidade e sumalo á ampla oferta que ten o municipio.
O turismo relixioso supón, sinalou o concelleiro Rafael Domínguez, un 2,17% do PIB no país e 330 millóns de persoas ao ano se desprazan por motivos relixiosos. "Pontevedra presenta un elemento único e diferencial, aproveitémolo", destacou o edil popular, que avanzou que presentarán unha moción ao pleno neste sentido.
Pontevedra é "un dos tres destinos marianos máis importantes", junto con Fátima y Lourdes, recordaron os populares.
Así, o PP propón impulsar o turismo relixioso na cidade, baseando a oferta na aparición da Virxe a Sor Lucía en Pontevedra.
Para logralo, os populares suxiren promover o Santuario das Aparicións de Pontevedra, estudar a posibilidade de crear unha ruta turística que ligue o santuario con outros enclaves relacionados coas aparición marianas e establecer sinerxías con outras administracións para que un maior número de persoas poidan coñecer Pontevedra.
"Durante máis de 25 anos, sor Lucía viviu en Pontevedra, agochada con outro nome. Foi aquí, na nosa cidade, onde se lle apareceu a Virxe e posteriormente o neno Xesús. O famoso terceiro secreto de Fátima escribiuse sobre un baúl aquí, en Pontevedra, e que aínda permanece gardado no Santuario das Aparicións", sinalou o edil popular.
Domínguez asegurou ademais que o entón presidente dos Estados Unidos, John F. Kennedy, católico convencido, "tras saber das aparicións marianas en Pontevedra, enviou unha imaxe e unha carta que aínda permanecen custodiadas no santuario".
Estes fitos relixiosos, recordou, foron "garantidos" polos tres últimos Papas e lamentou que "aquí apareceuse a virxe e non vén a visitala ninguén".
Con esta proposta, o PP busca xerar unha afluencia de visitantes para que, ademais de visitar o santuario, poidan desfrutar da gastronomía, do comercio, da hostalaría "e de todo o que Pontevedra oferta".
Promover o coñecemento das aparicións marianas en Pontevedra supón, sinalou Rafael Domínguez, "abrir posibilidades de captar este importante fluxo de turismo de carácter internacional", e que unido ao paso do Camiño Portugués pola cidade, "se poderían potenciar as pernoitas en Pontevedra, reforzando así o papel da nosa cidade neste percorrido".
Relacionadas:
-
Crean a 'Orde do Santuario das Aparicións a Sor Lucía en Pontevedra'
Por Redacción |
-
A Virxe de Fátima volve a Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra non potenciará o turismo relixioso vinculado á aparición da Virxe
Por Alejandro Espiño |
-
BNG e Marea rexeitan a idea do PP de potenciar Pontevedra como cidade de turismo relixioso
Por Redacción |
-
O Ano Santo de 2021, data tope para a conclusión da mellora das rutas xacobeas na provincia
Por Oskar Viéitez |
-
Rías Baixas estima unha ocupación do 85% en Pontevedra na ponte do 1 de maio
Por Alejandro Espiño |