Barro pechou 2016 coas promesas cumplidas e un superávit de medio millón de euros
Por Redacción
O Concello de Barro pechou o exercicio económico 2016 cun superávit de 545.032,56 euros no remanente de tesourería que agora se destinará á realización de obras e proxectos municipais.
Segundo os datos sobre a liquidación do orzamento municipal que o goberno local levou ao pleno ordinario da corporación, executáronse o 100% dos investimentos previstos nas contas de 2016, que ascendían a 2.385.000 euros.
Á vista das cifras, o goberno local considera que son un reflexo da "boa xestión económica" que fan. Tiveron, segundo explicaron, un aforro importante no gasto corrente, o que permite que o pago aos provedores municipais se realice cunha media de menos de 20 días, debaixo dos 30 que marca a lei.
De cara a este ano 2017, o goberno local anuncia que vai seguir coa mesma política económica, que lles permitirá "sacarlle o maior rendemento posible aos cartos públicos" e mellorar os servizos e equipamentos municipais. Sobre o destino que darán ao remanente de 2016, explica que serán obras e proxectos municipais e que se adaptarán ás "condicións restritivas" que impón o goberno do Estado.
O goberno local tamén aproveitou, a través dun comunicado, para defender que desde a súa chegada no ano 2015 apostan por unha "política económica rigorosa na xestión", un método de contratación transparente e unha política de aforro no gasto corrente que permiten lograr que as contas do Concello vaian mellorando pouco a pouco e aseguren a liquidez das arcas municipais.