Os escolares de Tenorio aprenden a loitar contra os incendios
Por Redacción
Un total de 46 escolares de distintos cursos de Primaria do CEIP de Tenorio, en Cerdedo - Cotobade, tiveron a oportunidade este mércores de coñecer a base aérea de defensa contra os incendios forestais do Campiño, en Pontevedra, e a labor que desenvolven as brigadas que traballan para previr e loitar contra os lumes tendo estas instalacións como centro de referencia.
A base pertence ao distrito forestal XIX de Galicia, que abarca unha extensión de 51.382 hectáreas e 368 comunidades de montes. Ten un cadro de persoal fixo de 25 persoas entre funcionarios, persoal laboral e tripulación do helicóptero e en época estival aumenta o número de contratados ata 35, deixando sempre unha quenda de 15 traballadores de garda.
Segundo informou a Xunta de Galicia a través dun comunicado, os escolares coñeceron a labor dos equipos de brigadistas a través dunha proxección audiovisual sobre a extinción de incendios e tamén manexando as ferramentas manuais de extinción, como unha mangueira ou a motobomba. Ademais, o persoal da base ensinoulle o helicóptero que se atopa nestas instalacións e puideron falar cos pilotos e os técnicos de mantemento.
Os escolares estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o presidente de Cerdedo - Cotobade, Jorge Cubela; o xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo; e o xefe do servizo de incendios en Pontevedra, Manuel Francisco.
Ao remate da visita, Cores Tourís reseñou, segundo recolle a Xunta, que na loita contra o lume son moi importantes actividades como esta visita, xa que os nenos coñecen os medios cos que conta as administracións para previr e atallar os incendios e o traballo dos profesionais que se adican a isto.
Destacou tamén o coñecemento que adquiren os alumnos para protexerse do lume e que deben facer cando se achega ás súas vivendas.