Aparecen varios cans mortos en Ponte Caldelas con brutais signos de violencia
Por Redacción
Un veciño de Ponte Caldelas está a ser investigado pola Garda Civil como presunto responsable da morte de varios cans, algúns deles con brutais signos de violencia, que apareceron nun monte do municipio.
Segundo informou o instituto armado, este home é o propietario dun cercado composto de varios galpóns construídos de forma moi precaria a base de paneis e enreixados metálicas e no seu interior acharon varios cans que presentaban unha extrema delgadez.
Os axentes do Seprona comprobaron que nesas instalacións habitaban dez cans de diferentes razas e tamaños, catro deles soltos e o resto atados con cadeas nos distintos galpóns, todos eles sen chip de identificación e con evidentes síntomas de desnutrición.
Os animais, segundo a Garda Civil, atopábanse nunhas condicións hixiénico-sanitarias deplorables, sen auga nin comida á vista. Pola súa banda, as construcións onde se acubillaban tiñan elementos cortantes e punzantes ao alcance os mesmos e o chan estaba convertido nun bulleiral cheo de excrementos.
Tanto no interior como no exterior da parcela, o Seprona localizou numerosos ósos esparexidos polo chan, entre eles cinco cranios. Atopáronse tamén os cadáveres de dous cans que, a teor da necropsia que se lles realizou, un deles presentaba unha brecha aberta no cranio.
Dentro do cercado, os axentes acharon, ademais, un cabalo e catro ovellas, unha delas morta. Todos estes animais, do mesmo xeito que os cans carecían dos preceptivos distintivos de identificación. A ovella morta, segundo a versión do propietario, deixáraa no cercado para que a comesen os cans.
Ante esta situación, a Garda Civil solicitou o apoio dos servizos municipais e do equipo veterinario do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) que, de forma cautelar, fixéronse cargo dos cans.
Á vista das pésimas circunstancias hixiénico sanitarias da estancia onde se atoparon os animais, o seu estado de inanición e a evidencias de que máis dun fora sacrificado de forma violenta, o Seprona citou a esta persoa en calidade de investigado como suposto autor dun delito de malos tratos animais.
Ademais de entregar estas dilixencias no xulgado de garda de Pontevedra, a Garda Civil tamén denunciou a este veciño de Ponte Caldelas por unha serie de infraccións en materia de sanidade animal, medio ambiente e xestión de residuos, que serán resoltas por vía administrativa nos órganos competentes da Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
A canceira provincial atende unha media anual de 50 animais maltratados
Por Oskar Viéitez |
-
Rescatan unha egua con síntomas de malos tratos e desnutrición en Armenteira
Por Redacción |
-
Rescatan un cabalo a punto de deshidratarse, atrapado nunha cerca en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
"Para ter un can, primeiro hai que ter responsabilidade"
Por Redacción |
-
Reclaman un laceiro para recoller os cans abandonados nas rúas de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Investigan un veciño da Lama por deixar morrer de fame dous cabalos
Por Redacción |
-
Os Palleiros quere que o home condenado por maltratar un can en Salcedo entre en prisión
Por Anxo Lourido |