A Praza de San Amaro será remodelada para garantir a seguridad viaria
Por Redacción
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou este venres que a Deputación redactará un proxecto para garantir a seguridade viaria e dignificar o valor patrimonial da Praza de San Amaro, situada na traza da estrada provincial EP-0508, que coincide co Camiño Portugués a Santiago no Concello de Barro.
Así mesmo, o nacionalista confirmou que se habilitará unha nova senda peonil para permitir unha mobilidade peonil segura aos peregrinos e á veciñanza en toda a lonxitude da vía.
O deputado de Mobilidade mantivo un encontro coa directora xeral de Turismo, Nava Castro, coa finalidade de chegar a un acordo entre as dúas institucións implicadas na estrada (unha pola titularidade e outra pola obriga de manter a seguridade para o tránsito de peregrinos a Santiago) para executar unha actuación coordinada.
Segundo explicou Benítez, a directora xeral mostrou a súa disposición a incluír unha senda peonil na estrada provincial no plan de actuacións que a Xunta vai executar no 2018 nos diferentes camiños a Santiago.
En calquera caso, segundo dixo Benítez, a representante do goberno autonómico explicou que non podía financiar ningunha actuación no contorno da praza de San Amaro porque "supoñía unha tipoloxía de actuación que non encaixa nas previsións da Xunta. A senda si, pero a praza non". Ante esta situación, a Deputación agradeceu a boa disposición e interese da Xunta para executar a senda e comezou a valorar a posibilidade de realizar por iniciativa propia un proxecto para a praza.
Así, no día de hoxe, Benítez confirmou ao alcalde de Barro. Xosé Manuel Abraldes, que a Deputación realizará de xeito inminente un proxecto para posta en valor da praza de San Amaro.
O alcalde de Barro sinalou que "cando os peregrinos chegan ao concello de Barro o primeiro que se atopan é a praza de San Amaro, polo que mellorar a seguranza viaria e poñer en valor o seu patrimonio para que sexa un sitio acolledor, ben tratado e totalmente rehabilitado, pensamos que é unha boa tarxeta de visita".