Mulleres, emigrantes, loitadoras e, agora, maiores que comparten experiencias
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Dorinda emigrou a Suíza con 17 anos, encadeou varios traballos e alí coñeceu o seu marido e tivo un fillo, regresando no ano 2000 para coidar á súa nai. Elisa foi a Alemaña co seu marido para traballar nunha metalúrxica e regresou dous anos máis tarde ao enfermar o seu fillo. Maricarmen viviu de moza en Inglaterra e Francia mentres aprendía o idioma e, xa como mestra en España, traballou en Barcelona, California, Marrocos e Texas. Marisa foi a Venezuela coa súa familia con 15 anos e alí estivo 11 máis, ata que volveu, xa casada, a coidar ao seu fillo.
En practicamente todas as casas galegas hai historias similares ás de Dorinda, Elisa, Maricarmen ou Marisa, biografías de mulleres loitadoras que emigraron fuxindo da miseria ou da Ditadura á vez que sostiñan ás súas familias. Estas experiencias vitais poden resultar enriquecedoras para as novas xeracións e, con ese obxectivo, este luns estas catro pontevedresas -de nacemento ou adopción- mantiveron un encontro interxeracional con 19 alumnos do IES Xunqueira I.
O encontro enmárcase no programa 'Fálame da emigración' de Afundación e foi xa a segunda sesión neste centro, de modo que xa houbo unha fase de preparación previa tanto por parte do alumnado como dos maiores e un primeiro encontro no que estas catro mulleres -e unha quinta que este luns estaba enferma- trasladáronlles as súas experiencias. Nesta ocasión tomaron o protagonismo os mozos.
Os alumnos investigaron as historias das súas propias familias e compartíronas. Fiel reflexo da sociedade galega, case todos teñen emigrantes nas súas familias, desde unha moza cuxo pai e tío se foron a Francia e o seu avó materno a Suíza a un mozo cuxo avó estivo 20 anos en Suíza. Tamén saíron á luz familias de inmigración, como a dun mozo de nai brasileira que coñeceu ao seu pai cando chegou a España, e familias que se foron desperdigando por medio mundo, como a dun estudante de República Dominicana que vive en España e ten familiares en Porto Rico e Estados Unidos.
Do mesmo xeito que nas familias dos mozos, detrás das historias destas catro mulleres hai motivacións diversas para emigrar e experiencias de todo tipo na diáspora. Marisa Gesteira, por exemplo, "emigrei por necesidade". Primeiro o seu pai e, cando ela 14 anos, e un ano despois o resto da familia. Todos acabaron en Venezuela porque "meus pais non tiñan forma de vivir aquí, eran pobres" e, de feito, ao principio, vivían nunha mesma habitación os pais e as dúas fillas. Ela traballou nunha fábrica de roupa e, nun momento dado, regresou un ano a Galicia e aprendeu corte e confección. Cando regresou, con esa formación, ascendeu ata ter ao seu cargo a 50 persoas. A súa historia de emigrante terminou cando o seu pai faleceu e ela, que agora ten 80 anos, regresou para coidar ao seu fillo, que nos anos anteriores estivera ao coidado dos avós en España.
Elisa Senra que naceu en 1940, "o ano da fame", era xa maior cando se lanzou á diáspora, con 24 anos e recentemente casada. "Fun con contrato, fomos os dous para a mesma fábrica e estupendo", relata, encantada co trato recibido na súa breve estancia en Alemaña, pois "cando cheguei alí, vin un mundo aberto, aquí ibamos cos ollos máis pechados ca ten a toupeira". O máis complicado foi o idioma, pero "había moito español e na fábrica había intérpretes para todo", de modo que se adaptou e mesmo lle deu pena ter que volverse aos dous anos, cando o seu fillo enfermou.
Maricarmen González ten a historia máis inusual. Cando se foi a Inglaterra terminara a súa carreira de Maxisterio e, ao principio, "paseino moi mal", non polo que se atopou alí, onde tiña xa un contrato nun hospital, senón "pola xente que emigrase de aquí", pois os emigrantes dos anos 60 "non tiñan nin cultura nin educación". Tras regresar a casa temporalmente, volveu xa con outro traballo e a condición de ter tempo libre para acudir a clase e aprender inglés.
Tras máis de tres anos británicos, nos que aproveitou para estudar enfermería, foi a París para "practicar o idioma que tiña aprendido en España" mentres cuidadaba nenos, entre eles ao neto do escritor Émile Zola. A súa experiencia de emigrante non quedou cando regresou para opositar a mestra, senón que durante anos estivo destinada en Barcelona, foi de profesora convidada un ano a California e o Ministerio de Educación destinouna seis anos a Marrocos. En 2009, xa xubilada, estivo un ano en Texas.
Como recurso didáctico complementario a esta actividade, Afundación levou ao instituto a exposición 'Nós tamén fomos emigrantes', unha selección de imaxes dos arquivos da axencia EFE, que posúe un dos fondos fotográficos máis importantes de España e que documentan diferentes aspectos da emigración galega e española.