En Marea rexeita que o Hospital Provincial se destine a residencia de maiores
Por Oskar Viéitez
A vicepresidenta do Parlamento e voceira de En Marea en temas sanitarios, Eva Solla Fernández, o deputado de En Marea Marcos Cal e o concelleiro de Marea Pontevedra, Luis Rei, instaron á Xunta de Galicia a manter o uso sanitario do Hospital Provincial de Pontevedra centrado na atención primaria e especializada e trasladar á ampliación de Montecelo os servizos de hospitalización.
O concelleiro Luís Rei xustificou "na preocupación que temos pola sanidade pública" a visita que os representantes do grupo parlamentario fixeron ao Hospital Provincial, un conxunto de edificios que "requiren unha certa reforma porque o seu estado actual non é satisfactorio". Os políticos agradeceron ao novo xerente, José Ramon Gómez, que lles recibise.
Desde En Marea apostan porque o Hospital Provincial siga mantendo un uso sanitario como un centro de atención ambulatoria "descartamos a posibilidade da que se fala de que se radique aqui unha residencia da terceira idade".
Foi o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen anunciou o pasado 23 de febreiro que Hospital Provincial acollerá unha residencia para maiores en situación de dependencia con capacidade para 120 persoas.
Luís Rei admite que son necesarias máis prazas públicas de centros xeriátricos na comarca de Pontevedra pero "non é o emprazamento adecuado o hospital" e apuntan como "solución rápida" recuperar o antigo asilo que tiña 160 prazas, corenta máis que as que estiman tería o Provincial.
Ademáis En Marea interpelará o mércores ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, sobre a data de inicio da ampliación do Hospital de Montecelo "que suma xa 8 anos de retraso", e explicar cal vai ser o financiamento "para evitar unha nova privatización da sanidade pública".
Eva Solla explicou que procuran "que nos aclare como se vai a licitar ese proxecto de ampliación e que vai ocorrer con este centro".
Tamén demandarán unha aclaración sobre o financiamento do proxecto do Gran Montecelo "se vai ser cento por cento pública ou non, que non está claro".
Mentres non se acometa a amliación do Hospital de Montecelo En Marea quere que a Xunta solucione algunhas das deficiencias máis importantes que sofre o Hospital Provincial como a falla da climatización.
Relacionadas:
-
Lores poñerá sobre a mesa de Feijóo cinco posibles terreos para construír unha residencia da terceira idade
Por Natalia Puga |
-
A voltas no Parlamento de Galicia cos futuros usos do Hospital Provincial
Por Redacción |
-
O pleno non pecha a porta a que o Provincial acolla unha residencia de maiores
Por Alejandro Espiño |
-
Os cidadáns poden participar no deseño do proxecto do Hospital de Montecelo
Por Redacción |
-
A nova vida do Provincial despois do Gran Montecelo: rehabilitación con derruba de partes engadidas nos 70
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O PP celebra o anuncio da creación dunha residencia pública no Hospital Provincial
Por Redacción |
-
Unha residencia de maiores para 120 persoas, novo uso para o Hospital Provincial
Por Alejandro Espiño |
-
O obsoleto punto fixo de doazón de Pontevedra xa é historia
Por Antía Fernández Buján & Mónica Patxot |