Comisións Obreiras expresa o seu rexeitamento a que a Deputación transfira o Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez
O secretario da sección sindical de Comisións Obreiras na Deputación de Pontevedra, José Ramón Piñeiro, difundiu un comunicado no que avanza a súa postura contraria á transferencia á Xunta de Galicia do centro Príncipe Felipe.
Piñeiro lembra que o vicepresidente, César Mosquera "sempre tivo claro desmantelar a Deputación" e asegura que nesta pretensión a presidenta da administración provincial, Carmela Silva "fai o papel que el lle impón de colaboradora necesaria" porque dese modo, argumenta o sindicalista, "o Concello de Vigo e o de Pontevedra teñen un orzamento indefinido".
Para apoiar esta tese, este responsable de Comisións Obreiras afirma que os socios de goberno na Deputación teñen unha "folla de ruta" na que tratan de "abandonar e non potenciar os servizos que queren transferir ou desmantelar". E insiste en canto ao Parque de Maquinaria, que a Deputación "quere privatizalo".
Piñeiro reclama ao goberno provincial que "aposte polo traballo nos concellos" e acepta que "en todo caso, que sexa o Príncipe unha competencia delegada da Xunta".
Comisións Obreiras acusa a PSdeG e BNG de "medir exclusivamente a posibilidade de prestar un servizo polo custo que ten" algo que consideran que é "impropio de dirixentes cun mínimo de sensibilidade persoal e social".
Do mesmo xeito entende este sindicato que o goberno provincial "esquécese dos intereses da provincia" xa que, de ser transferidos, os pontevedreses deixarían de ser os usuarios prioritarios da Escola de Canteiros, A Lanzada, Mouriscade, ou Areeiro, entre outros centros.
Finalmente, José Ramón Piñeiro conclúe que "o que debe facer a Deputación" é "negociar, ter habilidade política" para conseguir que a Xunta asuma os custos destes servizos a través de convenios "en lugar de pretender baleirar de contido á Deputación mediante a transferencia de centros e a privatización de servizos".
Relacionadas:
-
Mosquera cre que "non hai moitas posibilidades" de transferir competencias da Deputación á Xunta
Por Oskar Viéitez |
-
O PP quere unha comisión para valorar a transferencia de competencias da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Príncipe Felipe e o Pazo de Lourizán, entre as "posibles" transferencias entre Deputación e Xunta
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación apoia un centro de investigación da Xunta no Pazo de Lourizán pero "de Ence, non"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |