O PP quere unha comisión para valorar a transferencia de competencias da Deputación
Por Oskar Viéitez
O grupo provincial do Partido Popular pide ao goberno (PSdeG-BNG) da Deputación que convoque unha comisión na que estean representadas todas as forzas políticas para abordar as competencias que propoñen transferir á Xunta de Galicia, e na que tamén se dea voz aos sindicatos e aos traballadores dos centros afectados.
Os voceiros populares, Nidia Arévalo e Ángel Moldes, valoraron este martes en rolda de prensa a reunión entre o presidente e vicepresidente da Xunta de Galicia e a presidenta e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra.
Nidia Arévalo salientou que da reunión "sacouse en limpo que a institución provincial debe presentar un estudo detallado e serio sobre o estado desas instalacións", e lamentou que o bipartito chegase a esa reunión "cos deberes sen facer". Sinalou que tras a reunión demostrouse que había "tarefas pendentes" e que o traballo previo hai que facelo agora.
O PP considera que o debate das transferencias entre Deputación e Xunta debe facerse dentro de unha "negociación multilateral" na que participen todas as deputacións e na que hai que ter en conta que a administración autonómica tamén ofrecerá a súa visión.
Os populares lembraron ao goberno provincial que os recursos económicos van acompañados das competencias. Ángel Moldes dixo que é "paradóxico que Carmela Silva esixa á Xunta de Galicia un fondo obxectivo para os concellos cando o bipartito aprobou, hai só uns días, a libre disposición".
"CAMBIO DE ATITUDE"
Os deputados tamén valoraron o "cambio de actitude" de Carmela Silva na reunión en San Caetano. "Foi un encontro cordial e que demostra vontade de diálogo", apuntou Ángel Moldes, ao mesmo tempo que lamentou que "durante todo este tempo, case dous anos de bipartito na Deputación, a presidenta apostase pola confrontación e non polo diálogo, elixindo a vía do desacordo, tanto coa Xunta como cos concellos gobernados polo PP e con este propio grupo provincial".
Así, dixo que "benvido sexa este novo perfil de Carmela Silva", e engadiu que "o normal "é que agora reciba a todos eses alcaldes do PP "aos que ten abandonados e aos que non recibe desde que chegou á presidencia da Deputación".
Relacionadas:
-
Mosquera cre que "non hai moitas posibilidades" de transferir competencias da Deputación á Xunta
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras expresa o seu rexeitamento a que a Deputación transfira o Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
Príncipe Felipe e o Pazo de Lourizán, entre as "posibles" transferencias entre Deputación e Xunta
Por Alejandro Espiño |
-
'Pim, pam, pum' no Pazo Provincial a conta dos temporais e a presunta libre disposición
Por Alejandro Espiño |