María Rey quere que o Goberno inicie os trámites que permitan a devolución do imposto de plusvalía
Por Oskar Viéitez
A concelleira de Cidadáns en Pontevedra, María Rey, presentou unha moción coa que busca o apoio do pleno para que o Concello inste o Goberno Central a modificar a Lei de Facendas Locais para acatar a sentenza do Tribunal Constitucional na que se declara inconstitucional a vixente regulación do Imposto sobre o Incremento do Valor de Terreos de Natureza Urbana, coñecido como plusvalía, que en teoría grava a revalorización dos inmobles cando son vendidos, pero na práctica é abonado sempre, aínda que perdesen valor.
En palabras da concelleira María Rey, "non entendemos a pasividade do goberno local fronte a esta cuestión e non nos imos a manter de brazos cruzados, senón que tentaremos presionar para que se cambie esta lexislación que é totalmente inxusta".
Segundo a moción presentada, unha vez sexa modificada a lexislación poderase adaptar a ordenanza municipal número 201 para que o cobro da plusvalía municipal se axuste á capacidade económica real do contribuínte.
Así, o Concello poderá estudar a posible devolución do cobrado inxustamente a aqueles contribuíntes que non obtiveron plusvalías coa transmisión de inmobles sitos no termo municipal, así como arbitrar as medidas necesarias mediante as que os afectados poidan reclamar as cantidades satisfeitas neste concepto nos casos nos que non se produciu tal incremento.
Segundo María Rey, "a resolución do Tribunal Constitucional pon de manifesto que esa regulación é inxusta e debemos traballar para cambiala".
A edil laranxa insistiu en que "consideramos imprescindible que o Concello tome cartas no asunto".