Abeigón denuncia o estado de abandono do parque Amalia Álvarez
Por Anxo Lourido
Tomás Abeigón, concelleiro do Partido Popular, acompañado do seu compañeiro de filas José Luis Martín visitaba este martes 21 os xardíns do parque Amalia Álvarez, situado entre as rúas Joaquín Costa e Eduardo Pondal. Abeigón sinala que os veciños desta contorna están a queixarse polo abandono que presenta este espazo, que foi inaugurado en febreiro de 2016.
Un ano máis tarde, dous dos bancos atópanse deteriorados e inutilizables ao romperse a madeira da estrutura, unha varanda atópase torcida e rota co perigo que supón para as persoas maiores que utilizan o parque e a zona verde atópase en mal estado con árbores torcido debido ao último temporal. Ademais percíbese a presenza dunha importante cantidade de excrementos de cans aos que os seus donos sacan a pasear por este recinto.
RECLAMAN UN PIPICAN
Ante esta situación, o PP presentará unha proposta no próximo pleno na que reclamarán ao concelleiro responsable, Luís Bará, o arranxo de todos os danos e un labor de mantemento deste espazo. Ademais, Tomás Abeigón apuntaba a necesidade de establecer unha zona, a modo de Pipican, no lateral dun dos xardíns para que alí os animais domésticos puidesen realizar as súas necesidades.
O concelleiro apunta a que a causa desta situación débese á parálise de Luís Bará por non establecer un sistema de conservación do parque. E sinalou que se rexistran actos vandálicos na zona que deberían controlarse a través de máis vixilancia.