En marcha a Pontevedrada 2017: ábrese o prazo de inscripción
Por Redacción
A partir deste mércores 1 de febreiro, abrirase o prazo de inscrición para participar na sétima edición da Pontevedrada, a marcha solidaria nocturna que un ano máis volverá unir as localidades de Pontevedra e Santiago de Compostela para concienciar á poboación da importancia da doazón de sangue, tecidos e órganos.
Nesta ocasión, a Pontevedrada celebrarase o sábado 29 de abril. A súa saída está prevista ás oito da tarde desde a Praza da Ferrería.
As inscricións poderanse facer efectivas a partir mañá a través do mail pontevedrada@gmail.com ou enviando un whatsapp aos teléfonos 620 821 567 e 619 566 303.
O prazo finalizará ás 22.00 horas do mércores 26 de abril, non sendo posible inscribirse con posteridade ao mesmo.
Como é habitual, os participantes percorrerán os 63 quilómetros que, polo Camiño de Santiago, unen a cidade do Lérez coa praza do Obradoiro compostelá. Efectuarán breves paradas de descanso e refrixerio nocturno en Barro, Caldas de Reis, Valga e Padrón, antes de entrar ao longo da mañá do domingo 30 de abril en Santiago.
Cada inscrición levará unha achega solidaria de cinco euros, fóra dos menores de 18 anos, para dar viabilidade organizativa ao evento. Unha vez realizada a inscrición, a documentación e o dorsal poderán retirarse de forma anticipada entre o 17 e o 27 de abril ou o mesmo 29 de abril -día da saída- na praza da Ferrería
O importe recadado destinarase a dar soporte ás iniciativas solidarias que promove a asociación que organiza a marcha, ASAMPO, durante todo o ano e a colaborar con outros colectivos que precisan axuda económica para desenvolver o seu labor.
Como cada ano, ASAMPO lembra que a Pontevedrada non é unha carreira e non ten, por tanto, carácter competitivo polo que non é obrigatorio completar todo o seu percorrido. Durante o camiño, os participantes contarán co apoio dos voluntarios da asociación, dous puntos de asistencia con osteópatas e coa cobertura loxística de diversos vehículos de asistencia en ruta.
Os organizadores aconsellan aos participantes levar un chaleco reflector, lanterna ou frontal con pilas de reposto, o teléfono móbil cargado, bebida e alimentos lixeiros, roupa de abrigo e un chuvasqueiro, bastóns de trekking, calzado e calcetíns de reposto e un pequeno botiquín. Ademais, lembran que o retorno a casa farase por conta propia.
Relacionadas:
-
Todo preparado para que 1.400 persoas participen este sábado na Pontevedrada
Por Redacción |
-
'Ponti', un corazón solidario que irá pasando de man en man na Pontevedrada para agasallar vida
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Máis de 80 persoas inician o Camiño Portugués a Santiago para facer visibles as súas doenzas
Por Redacción |
-
A Pontevedrada, candidata aos premios Cidade de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Os bos desexos dos doadores de medula suben ao ceo de Pontevedra
Por Redacción |