Os socialistas reclaman ao Concello unha actuación integral en Mollabao
Por Redacción
O PSOE fai súas as reivindicacións dos veciños de Mollabao. Tras reunirse con eles hai uns días, nun encontro convocado pola colectivo Masa Crítica, os socialistas presentarán unha moción ao pleno para esixir ao BNG que actúe de forma inmediata no barrio.
O edil Iván Puentes asegura que os veciños se queixan do "abandono" que sofre o barrio, polo que instarán o goberno municipal a elaborar un plan de actuación integral sobre os espazos públicos de Mollabao.
Así, o PSOE pide ao Concello que se rehabiliten os espazos deportivos situados debaixo da ponte da autoestrada porque o seu estado actual é "lastimoso".
Os veciños tamén mostraron o seu malestar polo excesivo ruído que produce o paso dos coches por esta ponte, polo que Iván Puentes pediu que o Concello contacte con Fomento para estudar algunha medida que poida reducir estas molestias.
O grupo municipal socialista propón habilitar prazas de aparcadoiro, identificadas como de servizos, que permitan deixar aos pacientes na Casa do Mar, especialmente aqueles con mobilidade reducida; ou que se incremente a presenza da Policía Local na zona, sobre todo á hora da entrada e saída do colexio.
Ademais, os socialistas reclaman mellorar a limpeza do barrio. Entenden que o número de colectores de lixo é "insuficiente" e que non se actúa sobre os propietarios das leiras que están "absolutamente abandonadas".
Instalar elementos reductores de velocidade na PO-546, recuperar a antiga parcela do guindastre como aparcadoiro disuasorio ou negociar coa Xunta a cesión do viario entre Manuel del Palacio e Pontemuíños completan as propostas que recolle a moción do PSdeG-PSOE.
Relacionadas:
-
Proxectan humanizar o primeiro tramo de Mollabao e crear unha nova conexión con Beiramar
Por Alejandro Espiño |
-
Da maleza ao cascallo e o abandono. Mollabao expón o seu día a día e reivindica unha reforma integral
Por Mónica Patxot |
-
Alertan dunha vertedura de entullos baixo a ponte da autoestrada en Mollabao
Por Redacción |
-
O PP denuncia a parálise das áreas encomendadas ao concelleiro Luis Bará
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta acepta transferir o treito urbano da PO-546 pero non asumirá a súa reforma
Por Alejandro Espiño |
-
Mollabao séntese un "barrio marxinal e degradado" e reclama "a calidade urbana" do resto de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Xunta estuda a cesión parcial ao Concello da estrada vella de Marín
Por Oskar Viéitez |