Garavilla carece de autorización da Xunta para o traslado de Cuca
Por Redacción
A reunión en Santiago entre representantes das traballadoras da nave de Cuca en Vilaxoán e a Conselleira do Mar abriu unha luz de esperanza para evitar o traslado da actividade á fábrica do Grove como pretende a empresa propietaria Garavilla.
A empresa vasca non posúe autorización da Xunta de Galicia para ese traslado. A Consellería do Mar reclamou informes da Comisión Europea en Bruxelas para coñecer que administración debe permitir ese movemento empresarial. A nave de Vilaxoán contén maquinaria adquirida grazas a subvencións europeas e este feito podería ser determinante para frear as intencións de traslado da dirección.
A Conselleira do Mar, Rosa Quintana indicou que Garavilla solicitou o permiso de traslado do material pero, polo momento, non foi concedido.
Este mércores 6 de marzo haberá unha mediación entre a dirección e o persoal no Consello Galego de Relacións Laborais como trámite previo á celebración do xuízo previsto o 18 de marzo entre as partes con motivo das demandas polo traslado e polo ERE temporal.
Polo momento, as traballadoras continúan facendo garda ante as portas da fábrica para evitar que os camións da empresa retiren a maquinaria que se encontra no interior da nave.