Falece un aparcacoches de 35 anos en Campolongo
Por Redacción
Na madrugada deste luns 2, axentes da Policía Local atopaban na rúa o corpo sen vida dun aparcacoches habitual na contorna dun supermercado de Campolongo. Trátase de Marcos G., de 35 anos e veciño de Avilés, que vivía na rúa preto da praza de Galicia.
Os servizos sociais de Pontevedra viñan seguindo a evolución deste mozo desde 2008. Durante a última semana ingresara en dúas ocasións nun centro hospitalario de Pontevedra, unha delas o 31 de decembro, debido aos seus problemas de saúde.
Carmen Fouces, concelleira responsable de Servizos Sociais do Concello de Pontevedra, explicaba que o falecido atopábase nun programa de dispensación deste departamento polo que se lle fornecía metadona unha vez á semana, para tentar diminuír os efectos de distintas adiccións. Con todo, o mozo "sen teito" rexeitara integrarse nun programa de deshabituación.
Marcos G. protagonizara un suceso en 2013 ao queimarse nun incendio que se iniciaba cando durmía baixo a ponte do río Gafos. Sufrira queimaduras nas pernas ao arder os cartóns cos que se cubría. Fouces indicou que durante o período que estivera no Hospital Povisa na unidade de queimados iniciara un proceso para a deshabituación de sustancias estupefacientes. Con todo, unha vez recuperado trasladouse durante un tempo a Santiago e cando regresou a Pontevedra xa se atopaba outra vez relacionado con condutas aditivas.
Carmen Fouces apuntou tamén que o falecido rexeitara acudir a un dos albergues habituais de atención a persoas "sen teito". A concelleira apuntou que, neste momento, os servizos municipais teñen rexistradas 16 persoas que dormen na rúa. Na maioría dos casos, engadiu, a súa situación está relacionada co consumo de alcol e lembrou que están a desenvolver un programa de educación para estes casos coa intención de tentar integralos socialmente.