VIDEO.- Lores apraza ao venres o orzamento e vincularao a unha moción de confianza se non é aprobado
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O futuro do orzamento municipal para 2017 parece ligado irremediablemente a unha moción de confianza. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, retirou a aprobación das contas da orde do día do pleno ao non contar cos apoios suficientes, evitando así que se debatesen as emendas consensuadas pola oposición.
"O que non vai facer este alcalde é gobernar cun orzamento perpetrado e destrozado pola oposición", sinalou Fernández Lores, na súa intervención ante un pleno que resultou bastante tenso.
Apelando ao artigo 197 bis da lei electoral, o alcalde optou por aprazar ao venres o debate. Farase nun pleno extraordinario que se convocará nas próximas horas e nas que só se someterá a votación o orzamento presentado polo BNG. Se non logra ser aprobado, avanzou que presentará unha moción de confianza.
Este trámite supón que, a partir da súa presentación, a oposición terá un mes de prazo para presentar un candidato alternativo a Lores para a Alcaldía -un trámite similar a unha moción de censura-. En caso de non acordar un nome, o orzamento do BNG quedaría automaticamente prorrogado e daríase por outorgada a confianza da corporación.
O alcalde explicou que o goberno municipal "leva meses tentando chegar a un acordo" coa oposición para aprobar o orzamento de 2017 "e non foi posible". Lembrou que, a diferenza das emendas da oposición, as contas do BNG contan con todos os informes favorables dos técnicos municipais presentados "en tempo e forma".
"O que non vai facer este alcalde é gobernar cun orzamento perpetrado e destrozado pola oposición", sinalou Fernández Lores
O orzamento "alternativo" de PP, PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns foi "pactado" a través de emendas "manifestamente ilegais", como así refiren os informes técnicos, o que demostra, segundo Lores, que se trata dunha "evidente chapuza". Ademais, apuntou que ás correccións realizadas non resolveron as irregularidades.
"O fondo da cuestión é que non queren que se faga unha moción de confianza", explicou Lores, porque iso supoñería visualizar, dixo, "que hai un pacto" entre estes catro partidos que forman un "batiburrillo". Así, o alcalde reiterou que "non vou a tolerar que con trampas me impoñan como teño que gobernar".
MALESTAR NA OPOSICIÓN
A decisión de pospoñer o debate e vinculalo eventualmente a unha moción de confianza causou un profundo malestar na oposición, sobre todo ao aclarar o secretario do Pleno que non se debaterán as emendas presentadas, senón o orzamento aprobado polo BNG.
Desde o Partido Popular, Jacobo Moreira cualificou como "auténtica chapuza" a convocatoria deste pleno, unha sesión que demostrou que Lores é un alcalde "debilitado y acabado". Dedicouse, dixo, a buscar "subterfugios legales" para sacar adiante un orzamento que "no le vamos a apoyar".
"Lores busca escaparse. Hay un declive inmenso y evidente de un alcalde que está solo y no sabe hablar con ningún partido", dixo o portavoz popular, que considera que o BNG "no quiere buscar lo mejor para la ciudad".
Moreira lamentou que Lores "esté acostumbrado a las políticas de China". Neste sentido, afirmou que "si no se ve capacitado que abdique y que busque un compañero que lo sustituya". Iso si, aclara que o PP "no baraja" a posibilidade de derrocar a Lores coa moción de confianza porque "los vecinos han mandado que gobierne el BNG".
Ademais, o concelleiro popular Rafael Domínguez avanzou que estudará a posibilidade de emprender medidas legais e denunciar no xulgado este "atropello", acusando ao BNG de empregar "triquiñuelas vergoñosas" para "hurtar" á oposición a posibilidade de participar na elaboración do orzamento municipal.
Agustín Fernández cualificou como un feito "absolutamente insólito" que o BNG pretenda que no pleno do próximo venres "só se poida discutir o que eles queiran" e non se acepten as emendas presentadas pola oposición.
"Se convirte isto nunha especie de parlamento venezolano onde se fai o que di o señor Maduro ou non se fai nada", denuncia o portavoz socialista, que acusa ao BNG de vulnerar o dereito da oposición para mellorar o orzamento a través de emendas.
Esta situación, dixo, é unha "barbaridade demorática" e provoca que os nacionalistas busquen un "retorcemento" da lei que se realiza "desde a desesperación ou desde a debilidade" dun goberno que, segundo Fernández, "non só está en minoría numérica senón tamén desde o punto de vista argumental".
"Esta cidade vai a ter que repensar se merece ter un alcalde como este", concluíu.
Para Luís Rei, o ocorrido no pleno é a "proba evidente" de que o Concello de Pontevedra "é a casa de tócame Lores". O portavoz de Marea entende que o pleno do próximo venres debería debater tanto o orzamento do BNG como as emendas da oposición para non "furtar" estas dúas votacións.
"O outro é desafiar a unha oposición variopinta coa chantaxe de presentar unha moción de censura", un trámite que segundo o portavoz de Marea Pontevedra, "xa non era posible" a estas alturas de tramitación do orzamento. "É unha cacicada evidente", dixo.
Este "período de graza" que, segundo Rei, tense "autoconcedido" o BNG ata o venres deberían ser utilizados para que o goberno municipa "saia do xeo polar que o illa dos demais grupos" para negociar o orzamento coa oposición.
Así, desde Marea Pontevedra aseguran que "tendemos a man" ao BNG para buscar un orzamento "no que todos nos sintamos cómodos".
María Rey, portavoz de Cidadáns, recoñeceu que o regulamento do pleno permite ao alcalde retirar un punto da orde do día, un asunto que "deberíamos tener claro" todos os concelleiros da corporación. "Sobraba el debate que se produjo después", dixo.
A concelleira avanzou que Cidadáns esperará ao pleno que se convocará o próximo día 23 para pronunciarse sobre este asunto. Iso si, asegurou que "al retirar los presupuestos y no permitir votar los enmendados, el BNG está dando la espalda a la mayoría de los pontevedreses, negándose a aceptar sus reclamaciones".
En todo caso, Rey mostrou a súa "disconformidad absoluta" cos "insultos y la falta de educación" demostrada no Teatro Principal "por la bancada norte y la bancada sur".
Todos os concelleiros non deberían esquecer, dixo, "que estamos aquí representando a todos los pontevedreses", e co ocorrido este luns "no conseguimos que nos podamos sentir orgullosos" de ostentar dita responsabilidade.
Relacionadas:
-
Lores someterá ao pleno só os orzamentos do BNG, a pesar dun ambiguo informe municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Martiño Noriega avoga por un acordo entre Marea e BNG: "É o lóxico e o que a xente espera"
Por Redacción |
-
Moreira di que os técnicos "no miran con el mismo celo" as propostas do goberno e da oposición
Por Alejandro Espiño |
-
O PP acusa a Lores de obrigar os funcionarios a emitir "informes express" para tratar de parar as emendas
Por Redacción |
-
Tino Fernández, portavoz do PSOE, pide un debate público con Lores para tratar o tema do orzamento
Por Redacción |
-
Dous novos informes contrarios ás emendas da oposición enredan aínda máis o orzamento
Por Alejandro Espiño |