As traballadoras de Cuca manterán o luns unha xuntanza coa Conselleira do Mar
Por Redacción
As traballadoras da conserveira Cuca teñen unha nova cita este luns 4 de marzo no seu intento de evitar o traslado ao Grove. Será en Santiago na Consellería de Medio Rural e do Mar cunha entrevista coa titular, Rosa Quintana.
Unha representación do equipo de Cuca expoñerá á Conselleira os seus temores e as súas reivindicacións ante o plan do grupo empresarial Garavilla de pechar as instalacións de Vilaxoán e trasladar a actividade da planta á que o grupo ten no Grove. Rosa Quintana, pola súa banda, explicará ás traballadoras as xestións que se están a realizar para intentar evitar o peche da nave.
A reunión foi solicitada polo alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole, que considera que o peche tería unha importante repercusión para a economía de Arousa.
As traballadoras continúan mantendo gardas ás portas da nave de Vilaxoán e nas últimas horas evitaron a actividade de dous camións que pretendían retirar maquinaria da conservera. A policía nacional identificou as traballadoras que se situaron ante a porta de entrada das instalacións pero non se chegaron a producir incidencias porque ante a presión do equipo, os camioneiros decidiron desistir da súa intención de entrar na nave.
Tamén durante o acto conmemorativo do Centenario da unión de Vilagarcía, Carril e Vilaxoán, as traballadoras de Cuca concentráronse no exterior da Casa do Concello de Vilagarcía xunto a representantes dos equipos de Alfageme e do Hospital do Salnés para reclamar solucións laborais ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que asistiu ao evento.