Piden medidas para corrixir a saturación do Punto de Encontro familiar
Por Oskar Viéitez
Desde o ano 2001 exite unha rede de Puntos de Encontro familiares nas sete principais cidades galegas, dependentes da Xunta, coa fin de garantir a existencia dun lugar adecuado que facilite a relación entre pais e fillos, asegurando o benestar e a seguridade dos menores das familias que están en situacións de conflito.
Este servizo converteuse nun recurso imprescindible para a nosa sociedade e vén incrementando a súa demanda de maneira exponencial.
Trátase dun equipamento social, de carácter neutral e especializado para o cumprimento do réxime de visitas establecido pola autoridade competente, que ten por obxecto favorecer a relación entre os nenos e as súas familias cando no dereito das visitas resulte difícil ou conflitivo.
En Pontevedra o punto de encontro está situado na Avenida de Vigo, no edificio da antiga Delegación de Sanidade, e dá servizo a usuarios de toda a provincia, o que fai que neste momento estea saturado e que exista unha lista de espera de máis de 20 familias.
O local está composto por unha pequena sala de espera con capacidade para un máximo de dez persoas, unha oficina con dous meses onde traballa o persoal adscrito, unha pequena sala con televisión con capacidade para cinco persoas, un habitáculo para neveira e microondas, un aseo e tres habitacións para que as familias poidan desenvolver as súas visitas, divididas por criterios de idade (habitación para bebés, nenos pequenos e preadolescentes).
A súa escasa superficie impide que estean máis de dúas ou tres familias. Os socialistas aseguran que estes espazos non son suficientes, se temos en conta que polo Punto de Encontro pasan máis de 200 persoas cada fin de semana.
Ademais, unicamente existen tres persoas atendendo este servizo (dúas psicólogas e unha traballadora social).
O grupo municipal do Partido Socialista considera que a actual localización non é a máis axeitada e pide ao Concello de Pontevedra que se dirixa á Xunta para que traslade o Punto de encontro a outro lugar e que contemple o incremento do persoal. Suxiren o antigo edificio da Xunta na rúa Benito Corbal como un lugar céntrico e amplo.
Relacionadas:
-
A Xunta rexeita a proposta dos socialistas para trasladar o Punto de Encontro Familiar a Benito Corbal
Por Redacción |
-
Paloma Castro propón a recolocación do Punto de Encontro Xudicial no edificio de Benito Corbal
Por Oskar Viéitez |
-
VIDEO.- Reveladora visita ao Punto de Encontro Familiar
Por Redacción |