Un mozo de Bueu, subcampión de España de debate universitario
Por Redacción
Os universitarios galegos volveron demostrar o seu gran nivel para do debate. Tres mozos procedentes de diferentes localidades de Galicia proclamáronse subcampións de España nun torneo de debate celebrado en Murcia. E un deles, é de Bueu.
Trátase de Pedro Martínez, un estudante de Medicina de 20 anos. Formaba equipo con David Gómez, un lucense de 21 anos que cursa cuarto de Xornalismo, e con Lidia Lareo, natural de Narón e que, aos seus 21 anos, tamén estuda Xornalismo na Universidade de Santiago.
Estes tres compoñentes do Club Debate Compostela competiron contra equipos de universidades de diferentes lugares de España como Granada, Málaga, Madrid, Barcelona ou Valencia.
Tiveron que responder á pregunta de se debería estar xustificado o uso do burkini e outros elementos análogos en espazos públicos.
A dificultade destes torneos radica en que os debatentes deben preparar a postura a favor e en contra, xa que un sorteo antes de iniciar o debate determinará que defenderá cada equipo.
Pedro Martínez e o seu compañeiros tan só perderon na fase de grupos e na propia final contra os gañadores, a Universidade de Barcelona, onde o equipo galego defendeu a postura en contra da prohibición.
Ademais do subcampeonato, tanto Lidia como Pedro foron galardoados co premio á mellor conclusora e ao mellor segundo refutador do torneo. Na competición tamén participou un segundo equipo de Club Debate Compostela, que non conseguiu superar a fase de grupos. Nel había outro mozo de Bueu, Carlos Rey.