Pontevedra recorda ás vítimas da "violencia viaria" presumindo de "cidade 30"
Para o goberno municipal non hai "nin unha soa xustificación" para que as administracións non tomen medidas contra a "violencia viaria". Con ese espírito conmemorouse este domingo en Pontevedra o día mundial en recordo das vítimas de accidentes de tráfico que, no caso da cidade do Lérez, incluíu a posta en valor da "cidade 30".
No últimos cinco anos non houbo mortos nas estradas da cidade algo que avala, segundo o alcalde, os cambios no modelo urbano que se foron introducindo aos poucos en Pontevedra. Aquí, dixo Miguel Anxo Fernández Lores, o obxectivo de "cero vítimas" está cumprido, pero pediu unha maior implicación política e social.
Para o rexedor pontevedrés é "imprescindible" que, a nivel estatal, todas as cidades camiñen cara a contornas amables cos peóns e se reduza a velocidade a 30 quilómetros por hora no ámbito urbano, tal e como se fixo en Pontevedra no ano 2010.
Esta limitación foi "fundamental", segundo Fernández Lores, para que Pontevedra sexa agora unha cidade "atractiva" para vivir. Esta circunstancia demóstraa que, a diferenza doutras cidades galegas, a poboación aumentase un 30% nos últimos anos.
"Fixemos que sexa apetecible vivir aquí", destacou o alcalde durante este acto celebrado na antiga casa consistorial da praza de España, unha zona pola que antes de estar peonalizada "pasaban 28.000 coches diarios" que, na súa maioría, buscando unicamente unha praza de aparcadoiro "cando a partir das oito da mañá non hai en ningunha cidade".
Carmen Pérez Alonso, portavoz de Stop Accidentes en Pontevedra, foi a encargada de ler un manifesto no que a plataforma destaca que "non nos cansaremos" de esixir que a seguridade viaria sexa unha "prioridade política" para todas as administracións públicas.
Para iso, piden o "compromiso" das autoridades para tomar medidas e impulsar os cambios normativos necesarios. "É un deber moral e de respecto pola vida de todos os cidadáns que vai máis aló dunha simple declaración", sinalou.
En España, lamentan, detectouse un aumento da sinistralidade viaria con 1.689 falecidos e 9.495 persoas feridas graves en accidentes de tráfico durante 2015 e que, na súa maioría, "poderíanse evitar" se os gobernos e os propios cidadáns abandonan a súa "indiferenza" nesta materia.
Neste sentido, Stop Accidentes lembrou que en España "seguimos sen unha educación viaria obrigatoria nas nosas escolas" e denunciou que a recente reforma do Código penal creou unha "maior impunidade" para os infractores.
Durante o acto, no que participaron entre outros concelleiros do PP e Cidadáns, así como representantes da Policía Local, a Policía Nacional, Protección Civil e colectivos relacionados co ámbito da mobilidade e a seguridade viaria, gardouse un minuto de silencio en recordo das vítimas.
A música do Seminario Permanente de Jazz, que ambientou todo o acto, puxo o broche de ouro a esta xornada conmemorativa.
Relacionadas:
-
Pontevedrá lembrará o domingo as vidas truncadas pola "violencia viaria"
Por Redacción |
-
Os novos radares instalados por Tráfico aínda non están a funcionar
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra, na boca de todos
Por Redacción |
-
Os ciclistas de Cádiz piden á súa cidade que miren cara Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Menos mortos e feridos nas estradas pontevedresas, pero ollo! chega unha época complicada
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pontevedra porá en valor a 'cidade 30' co gallo do Día mundial contra a violencia viaria
Por Redacción |
-
Pontevedra, referencia para os municipios españois na redución da velocidade nas cidades
Por Redacción |
-
O modelo urbano de Pontevedra interesa a Vilanova de Famaliçao
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |