A conserveira Orbe espera contratar a 80 traballadores máis na Reigosa
Por Oskar Viéitez
AJE Pontevedra decidiu premiar unha andaina empresarial que empezou hai 80 anos, a da conserveira Orbe, agora instalada no polígono empresarial da Reigosa.
A presidenta dos novos empresarios pontevedreses, Lucía Pedroso, destacou que á fronte desta empresa familiar con 149 empregados atópase a terceira xeración con todas as consecuencias que isto adoita implicar.
O actual xerente, Juan José Vicente Álvarez, explicou a PontevedraViva os seus plans de expansión que inclúen trasladar a Ponte Caldelas o actual almacén situado en Vigo e ampliar entre 80 e 90 persoas máis o seu persoal.
Juan José Vicente lembrou os inicios do seu avó en 1937 nun garaxe de Vigo traballando con produtos salgadura para máis adiante especializarse na fabricación de conservas de peixe.
Ao longo destes 80 anos tiveron que axuntar esforzos para superar unha guerra civil e unha guerra mundial, a desaparición progresiva dos nosos caladoiros, a innovación tecnolóxica e a modernización da maquinaria entre outros, desafíos que supuxeron un reto para a supervivencia empresarial da fábrica. Como curiosidade, Orbe foi a primeira conserveira en incorporar as chaves nas latas para abrilas.
Juan José Vicente Álvarez desvelou que unha das claves do seu éxito é que exportan a maioría da súa produción con 241 referencias de produtos xa que traballan a medida do que o mercado lles demanda. Da nave da Reigosa saen unhas 150.000 latas diarias na actualidade.
O acto de entrega do galardón honorífico celébrase o 11 de novembro no Liceo Casino de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Nova empresa para o polígono da Reigosa: Egasen creará dez postos de traballo
Por Redacción |
-
Unha firma de elaborados de peixe vai instalarse na Reigosa creando 42 postos de traballo
Por Redacción |
-
3D Xeométrica e Coverwind acadan os Premios AJE 2016
Por Mónica Patxot |
-
AJE Pontevedra presenta o Premio Xove Empresario vendo brotes verdes no sector primario
Por Redacción |
-
Primeiras contratacións de veciñas de Ponte Caldelas na conserveira Orbe
Por Redacción |
-
A conserveira Orbe estrea a súa nova factoría en A Reigosa
Por Oskar Viéitez |
-
Buscan 50 mulleres de Ponte Caldelas para traballar na conserveira Orbe
Por Oskar Viéitez |