Cinco asociacións feministas unen as súas forzas pola igualdade e a loita contra a violencia machista
Por Alejandro Espiño
Unidas, diversas e combativas. Con este lema constituíuse formalmente o Colectivo Feminista de Pontevedra, unha plataforma que integra cinco asociacións feministas e máis dunha trintena de mulleres comprometidas coa loita pola igualdade e contra a violencia machista.
As súas integrantes proceden dos municipios de Pontevedra, Lalín, Cuntis, Caldas de Reis, Marín, Friol, Teo, A Estrada, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Vilagarcía ou Nigrán, entre outros.
Todas elas asinaron a acta fundacional deste colectivo que, segundo a súa presidenta, Vicky Estévez, impulsará o feminismo como medio para transformar a sociedade e acadar a igualdade real entre mulleres e homes.
Esta unión faise realidade tras un ano de traballo na Plataforma Feminista de Pontevedra, unha experiencia "enriquecedora" que deu paso á formación constituída este sábado na Casa da Luz.
As asociacións e particulares que toman parte nesta iniciativa aportan, dunha banda, a experiencia do feminismo de a pé de rúa e, doutra, unha visión teórica e profesional de nivel. Estas dúas características fan que o Colectivo Feminista de Pontevedra sexa unha entidade "diversa, plural e heteroxénea" na que os espazos de debate entre as súas integrantes e o intercambio de propostas constitúen ideas fundacionais "irrenunciables".
Un dos seus compromisos fundamentais será traballar para artellar sistemas que conecten o feminismo e a sociedade pontevedresa co obxectivo de combater as violencias machistas, xa desde as idades máis temperás e sempre traballando en equipo para promover a participación e a motivación.
As organizacións ou persoas interesadas en sumarse poderán facelo a través da súa páxina de Facebook ou do correo electrónico: colectivofeministapontevedra@gmail.com.
Relacionadas:
-
RADIO.- Os adolescentes ven na violencia e as condutas de risco unha característica da masculinidade
Por Marisa Ciordia |
-
Pontevedra e Poio vestirán de negro contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Un poema para Conchi (e contra a violencia machista) no seu cabodano
Por Redacción |
-
Convocan aos pontevedreses para deseñar unha campaña contra a "cultura da violación"
Por Oskar Viéitez |
-
Colectivos feministas lanzan unha advertencia aos partidos políticos ante o 25-S: "Se non conto, non voto"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
"Todas as mulleres, todos os dereitos, todos os días"
Por Redacción & Diego Torrado |