Preocupación entre os vecinos do Cruceiro pola apertura no seu barrio do novo centro de Rexurdir
Por Oskar Viéitez
Os veciños do Cruceiro están preocupados pola apertura no seu barrio do novo Centro de Atención Social Continuada que xestionará a ONG Rexurdir no que se prestará atención a unha trintena de indixentes que habitualmente viven nas rúas de Pontevedra.
Segundo explicou a concelleira responsable de Benestar Social, Carme Fouces, esta nova infraestrutura depende dos servizos sociais municipais pero a súa xestión está conveniada coa asociación Rexudir Provincial, que xa posúe un local na rúa Cruz Vermella para atender ás persoas sen fogar.
Non é un local no que os usuarios poidan pernoitar xa que se trata dun centro de día no que se habilitan aseos e duchas, dun roupeiro, de lavandería, así como unha cociña para dar servizo aos usuarios. Contémplase a posibilidade de que poida abrir os fins de semana para dar comidas, xa que os domingos e festivos pecha o comedor de San Francisco.
O Concello achegará 15.000 euros anuais para este novo centro, e Rexurdir, os profesionais que o atenderán.
O voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira recibiu este xoves aos veciños do entorno da rúa Cruceiro que consideran que dito emprazamento non é o máis axeitado para esta instalación, xa que neste mesmo núcleo atópanse dous centros educativos e unha gardería.
Ante esta situación, os populares solicitarán ao Goberno municipal que antes de tomar unha decisión sobre a localización do novo centro de Rexurdir, escoiten aos veciños da zona.
"Sería bo que Lores ou a concelleira nacionalista encargada deste asunto, tratase de atopar un consenso cos veciños e decidir despois cal é o lugar máis apropiado para esta instalación", sinalou Jacobo Moreira, quen lembrou que a propia ONG Rexurdir pediu "un lugar estratéxico no centro da cidade proporcionando total privacidade para os usuarios".
Relacionadas:
-
Regresan as queixas contra o local de Rexurdir, os veciños denuncian falta de seguridade e sucidade
Por Manu Otero |
-
Presentan por rexistro algo máis de mil sinaturas contra o novo centro social de Rexurdir
Por Redacción |
-
Os veciños do edificio Cruceiro 17 reiteran o seu rexeitamento ao centro social de Rexurdir
Por Oskar Viéitez |
-
"Todos temos prexuízos de base"
Por Oskar Viéitez |
-
Recollen sinaturas contra o novo centro de Rexurdir
Por Oskar Viéitez |
-
O pleno debatirá a creación dun centro de atención para persoas sen teito
Por Redacción |
-
Pontevedra contará cun Centro de Día para persoas sen fogar
Por Redacción |