O alcalde de Ponte Caldelas acusa á Xunta de repartir "a dedo" os fondos do Plan de Emerxencias
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas "baralla acudir aos xulgados" ante a repartición "a dedo" das axudas de Medio Rural para reparar os danos ocasionados polos temporais do pasado inverno.
Así o asegura o alcalde, Andrés Díaz, ante o Plan de Emerxencias que repartiu 2,8 millóns de euros en axudas e que "incluiu a 14 concellos, todos eles do Partido Popular".
"Na nosa bisbarra lle dan cartos a Cotobade sen sequera solicitalos e fúrtanllos a Ponte Caldelas", sinala o comunicado feito público polo rexedor.
Ponte Caldelas solicitara recibir 12.318 euros deste plan para emendar os danos ocasionados pola crecida do río Verdugo no Paseo da Calzada.
Para o alcalde o procedemento administrativo utilizado pola Xunta para repartir o Plan de Emerxencias supón un "enigma" xa que "a conselleira de Medio Rural asinou convenios cos alcaldes, polo que parece que non foron subvencións de concorrencia competitiva, senón que os concellos foron elixidos a dedo por simple afinidade política", concluíu.
Por todo isto Andrés Díaz asegura que o asunto está en mans do servizo xurídico do Concello e "baralla presentar un recurso contencioso-administrativo, aínda que non se desbota presentar unha queixa formal diante da Valedora do Pobo ou mesmo diante da Unión Europea" no caso de que se financiou con fondos Feader.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas leva a Bruxelas o seu malestar coa Xunta polas axudas por temporais
Por Redacción |
-
A Deputación acusa de "reparto clientelar" á Xunta por asinar convenios "só" con municipios do PP
Por Diego Espiño |
-
O alcalde de Ponte Caldelas estima que o temporal deixou danos por valor de 20.000 euros
Por Anxo Lourido |