Marea pide cambiar o nome da rúa Javier Puig por su colaboración co réxime franquista
Por Redacción
Marea Pontevedra presentará unha moción ao próximo pleno da corporación para que o Concello cambie a denominación da rúa Javier Puig para cumprir coa lei de memoria histórica. Aproveitando as inminentes obras de reforma urbana queren que se erradique do rueiro da cidade o nome do primeiro presidente da Deputación tras o golpe de Estado de 1936.
Na exposición de motivos da moción, Marea recorda que os mandos militares que "se apropiaron" das institucións democráticas propias da República, "impuxeron ao fronte das institucións a persoas da súa confianza mediante decretos e bandos militares."
Un deles foi, segundo esta formación, Javier Puig, que presidiu desde decembro de 1936 a xestora que se encargaba de dirixir a Deputación de Pontevedra e, posteriormente, foi elixido presidente da institución en agosto de 1937, cargo que mantivo ata o 7 de outubro de 1938.
"O tramo de estancia do citado Javier Puig en cargos directivos e de responsabilidade na Deputación coincide, segundo os historiadores, cun dos períodos de maior represión sobre a cidadanía e que como consecuencia levou á morte, encarceramento ou persecución de centos de homes e mulleres do noso concello e provincia, entre eles, sinalados cargos públicos desta mesma corporación", segundo Marea.
O acordo de nomear a rúa co seu nome foi adoptado o 8 de xaneiro de 1962 por una corporación municipal "non escollida de forma democrática e suxeitos á obediencia e ás disposicións da ditadura franquista".
Ademais de respectar a lei de memoria histórica, Marea Pontevedra cre que é importante respectar a memoria das vítimas da represión da ditadura do xeneral Franco, retirando o honor que significa a denominación de Javier Puig Llamas a unha rúa da nosa cidade.
Carmen Moreira, edil de Marea, insta na moción a que a corporación faga coincidir a finalización das devanditas obras e a súa conseguinte apertura coa toma dun acordo previo para rebautizar esta rúa e que, en todo caso, sexa consensuada a nova denominación por todos os grupos da corporación municipal.
Relacionadas:
-
Marea Pontevedra propón que a avenida Fernández Ladreda pase a chamarse Manuel Portela Valladares
Por Redacción |
-
O PP quere saber se o de Arnaldo Otegi é un dos nomes que baralla o BNG para rebautizar a rúa Javier Puig
Por Oskar Viéitez |
-
Por aclamación, Franco xa non preside a Deputación de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |