Os veciños de Campolongo piden ao Concello sumarse á experiencia piloto de composteiros comunitarios
Por Redacción
A asociación de veciños San José de Campolongo pide ao Concello de Pontevedra sumarse á experiencia piloto que poñerá en marcha noutras zonas do municipio como Monte Porreiro ou Campaño para probar o novo sistema de recollida de residuos a través dos composteros comunitarios. Así o trasladou o colectivo á concelleira delegadado barrio, Carmen Fouces, nunha reunión para dar conta das necesidades e demandas do barrio.
Segundo informou a asociación, ten intención de sumar ao barrio de Campolongo a esta experiencia piloto dentro do compromiso que mantén o colectivo co mantemento e coidado do medio ambiente. Para logralo, instan ao Concello a "dar os pasos correspondentes cara á análise da viabilidade desta posibilidade". A experiencia piloto sería, iso si, sempre con información previa aos veciños do barrio, tanto sobre o seu funcionamento como sobre a localización dos futuros composteiros.
A asociación realizou unha enquisa a 400 familias do barrio e mantivo unha asemblea interna nas últimas semanas e co resultado de ambas as dúas reuniuse con Carmen Fouces. No encontro, segundo eles trasladaron, pedíronlle diversas actuacións para o barrio, entre elas, que o Concello adopte as medidas oportunas para resolver a situación na que se cuentra o galpón existente na esquina da avenida Fernández Ladreda con Fernando III o Santo, pois o seu abandono e deficiente conservación "está a causar diversas molestias" aos veciños.
Tamén piden unha solución á problemática das persoas sen recursos que "malviven" nas rúas do barrio e que o Concello de Pontevedra elabore un proxecto de reforma da contorna do paseo fluvial do río dos Gafos, o parque da Seta e a praza da Constitución, pois atópase nunha situación de abandono que require unha intervención.
A lista de peticións dos veciños complétase coa instalación de máis papeleiras, substitución da varanda da marxe río Gafos na avenida Fernández Ladreda, mellora da iluminación dos pasos de peóns, mellora da regulación do tráfico nas horas de entrada e saída dos colexios, arranxo do firme nas beirarrúas de varias rúas e o arranxo do pavimento das rúas transversais a Fernández Ladreda.
Relacionadas:
-
Monte Porreiro empeza a 'compostar'
Por Redacción |
-
Os composteiros comunitarios xa están aquí: comezan as obras para instalar os tres primeiros en Monte Porreiro
Por Natalia Puga |
-
Os barrios de Campolongo e Monte Porreiro empezarán coa compostaxe comunitaria á volta do verán
Por Oskar Viéitez |
-
Os composteiros individuais buscarán acubillo en 7.800 vivendas unifamiliares
Por Redacción |
-
As Federacións veciñais interésanse polos composteiros para o tratamento do lixo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O novo sistema de recollida de lixo pode reducir á metade o custo real do servizo, segundo un estudo
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra porá en marcha un novo sistema de recollida selectiva de lixo nun ano
Por Anxo Lourido |