O DNI estrea oficinas: "Son más cómodas y céntricas"
Por Natalia Puga
O servizo de expedición do DNI e o pasaporte en Pontevedra deixou definitivamente a Comisaría da Policía Nacional e préstase desde este luns 16 de maio nunhas novas oficinas na rúa Fernández Villaverde. O primeiro día a expectación que suscitou a noticia entre os medios de comunicación era previsible e confirmouse con redactores e fotógrafos recollendo testemuño dos primeiros usuarios, pero o que non se esperaba é que tamén xerase a mesma curiosidade entre os cidadáns. Foron moitos os que ao longo da mañá se achegaron a familiarizarse coas novas instalacións e todos concluíron que "son más cómodas".
"Tenía curiosidad y entré a mirar. Parece que están bien", recoñecía unha veciña de Pontevedra. Iso si, tamén lle atopou defectos, nos que coincide con outros usuarios, todos relacionados coa accesibilidade das novas instalacións, que se sitúan no baixo do edificio do antigo Banco de España, pero non se accede pola rúa Michelena, senón polo lateral, pola rúa Fernández Villaverde.
Os cidadáns indican que xa no portal hai un pequeno chanzo, "un obstáculo si llegas en silla de ruedas", despois unha zona de lastras "nada recomendable si llevas muletas o tacones" e, tras unha superficie de madeira, unha porta de acceso xiratoria "que no resulta útil" porque é moi pequena para persoas con mobilidade reducida ou con carros de bebé. Responsables das instalacións explican que a porta está adaptada e garántese a accesibilidade.
Queixas aparte sobre os accesos, os usuarios que este luns estrearon as novas dependencias mostráronse satisfeitos co servizo e as instalacións. Non todos sabían que cambiaran de localización e houbo quen se dirixiu equivocado á Comisaría da rúa Joaquín Costa, pero, unha vez localizadas as oficinas, coinciden en que "son cómodas y céntricas".
A diferenza doutros días, este luns víase nas mesas de expedición do DNI e o pasaporte a moitos nenos, pois os seus pais aproveitaron que non había colexio para facer trámites pendentes. É o caso de Alejandra Rodríguez, que acudiu coa súa filla de dez anos. Xa pedira cita por Internet hai tres semanas e, tras pasar pola Comisaría, derivárona a Fernández Villaverde, onde destaca que "o que máis me gustou foi a rapidez". Pero, en xeral, "todo está moi ben".
Antonio Fernández facía dez anos que non renovaba o seu DNI e non lembra moi ben xa como eran as oficinas da Comisaría, pero, tras facer os trámites nas novas dependencias, destaca que "nos atendieron a la hora de la cita, muy rápido" e que as oficinas son moi cómodas. A comodidade tamén é o que destaca outra usuaria, María José Rodríguez, que acudiu a renovar o DNI da súa filla de seis anos, e valora que as dependencias "son más amplas que antes".
As oficinas teñen horario ininterrompido de 9.00 a 17.00 horas de luns a venres e pode solicitarse cita previa a través de Internet ou no servizo de atención telefónica (902 247 364).
Relacionadas:
-
A Comisaría aconsella pedir cita con antelación para renovar o DNI
Por Redacción |
-
A fachada da comisaría, en obras
Por Natalia Puga |
-
As novas oficinas do DNI, unha factoría de 26.126 documentos
Por Natalia Puga |
-
A partir do 1 de decembro será necesario pedir cita previa para renovar o DNI en Marín
Por Redacción |
-
Todo a punto para que o DNI empece a expedirse o luns no antigo Banco de España
Por Natalia Puga |
-
O 16 de maio o DNI e os pasaportes deixarán de tramitarse na Comisaría e estrearán sede
Por Natalia Puga |
-
Traslado inminente das oficinas do DNI ao antigo Banco de España
Por Natalia Puga |
-
Reclaman que as oficinas de emisión do DNI se trasladen xa ao antigo edificio do Banco de España
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |