A vindeira semana cortarase ao tráfico a ponte da Gándara
Por Oskar Viéitez
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou este mércores que o vindeiro luns comezarán as obras de renovación da ponte da Gándara sobre o río Rons.
Estas obras implicarán o corte ao tráfico da estrada que pasa pola zona.
A firma responsable da reforma é Narom e o orzamento inicial era de 130.535 euros.
Segundo o proxecto, aproveitaranse os piares existentes na ponte, que están en boas condicións, pero renovarase totalmente a lousa superior sen aumentar as dimensións do taboleiro, que ten un largo de 2,34 metros e permitirá unicamente a circulación dun vehículo.
Así mesmo, crearase un acceso independente para que peóns e ciclistas poidan cruzar o río separados dos vehículos. Este paso construirase augas abaixo (no lado máis achegado á cidade) e terá unha estrutura metálica que soportará un pavimento e unha varanda de madeira tratada.
Como obras accesorias o proxecto inclúe a rehabilitación do camiño que a comunica coa estrada de Vilagarcía. Tamén se mellorará a mobilidade peonil e a accesibilidade, coa implantación de dous pasos sobreelevados de 2,60 metros de lonxitude e dous pasos executados con lousa de formigón de cor ocre a un lado e outro da ponte para dar continuidade ás sendas da Xunqueira.
Finalmente, a actuación complétase coa sinalización horizontal e vertical. Preténdese mellorar visibilidade, a supresión de barreiras e a diminución da velocidade dos vehículos que acceden á ponte, que quedará limitada a 20 quilómetros por hora.
Relacionadas:
-
Programan unha limpeza do interior da marisma e de especies invasoras na Xunqueira de Alba
Por Redacción |
-
Nun mes empezarán as obras na Ponte da Gándara sobre o río Rons
Por Redacción |
-
O Pleno provincial aproba o convenio co Concello de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación reparará a 'oxidada' ponte da Gándara, na Xunqueira de Alba
Por Redacción |