Lores nega ter chamado a Carmela Silva para pedir "a cabeza de Tino Fernández", como asegura o PP
Por Oskar Viéitez & Anxo Lourido
O portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, asegurou este martes que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, chamou ao "teléfono vermello" da presidenta da Deputación, Carmela Siva, para esixir "que se carguen ao portavoz socialista en Pontevedra".
Segundo explicou Ángel Moldes nunha comparecencia ante a prensa, "parece que desde o BNG quéreselle impoñer ao Partido Socialista que faga un pacto forzoso no Concello de Pontevedra".
O portavoz do PP provincial, sen citar outras fontes, afirmou que "nós sabemos" que despois de que os grupos da oposición (PP, PSdeG, Marea e Cidadáns) rexeitasen a modificación de crédito presentada polo BNG na comisión municipal de Economía e Facenda "houbo unha chamada ao teléfono vermello aquí en Deputación e nós sabemos que Lores fixo a chamada dicindo que isto non pode seguir así", indicou.
"Aquí están a pedir que se carguen ao portavoz socialista en Pontevedra", afirmou Moldes, "sabemos que para manter este pacto na Deputación queren a cabeza de Tino".
"Nós sabemos", volveu dicir o portavoz popular, "que se hai algo que está a poñer en perigo o pacto nesta casa vai pasar polo Concello de Pontevedra".
Ángel Moldes insistiu en que o pacto PSdeG-BNG na Deputación de Pontevedra "non funciona como nos queren trasladar, que non son todos tan amigos", apostilou o político de Poio.
Insistindo nesta tese, os populares comentaron que "cada día o BNG está a esixir máis e como o PSOE non comulgue co que diga Lores igual non chega ao final da lexislatura nesta casa".
Finalmente engadiu que no Partido Popular "sabemos" que o Partido Socialista "incluso se sentiría cómodo rompendo o pacto na Deputación, teñen o orzamento aprobado e importaríalles pouco", indicou o portavoz do PP provincial.
LORES ACUSA A MOLDES DE MENTIR
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mostrouse sorprendido pola denuncia do Partido Popular e asegurou que lle parece un atrevemento por parte de Ángel Moldes atreverse a dicir "semellante cousa". "Eu non chamei a ninguén" afirmou Lores, pero "todo se pode esperar no Partido Popular".
O rexedor asegurou que no último mes e medio non chamou á presidenta da Deputación, Carmela Silva, nin por esta razón nin por outra e afirma que respecta a capacidade de decisión de cada organización política. "Se o Partido Popular pon a unha persoa que minte é un problema do Partido Popular" engadiu Fernández Lores e sinalou que o mesmo sucede en relación co PSOE.
"O PP minte máis que fala. Atreverse a dicir sabendo que é mentira, porque nadie puido informarlle de semellante cousa, é un atrevemento que fala da calidade persoal deste persoeiro", concluíu o alcalde.
Relacionadas:
-
O PP cre que Caballero ratificou a Tino Fernández como fan os equipos de fútbol antes de botar ó adestrador
Por Oskar Viéitez |
-
Abel Caballero ve a Tino Fernández como o "referente" do PSOE en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello apraza a compra de composteiros para tratar de salvar a modificación de crédito
Por Alejandro Espiño |
-
Freo á modificación de crédito anunciada polo goberno municipal
Por Redacción |