O PP denuncia que a Deputación deixa "desatendidos" a máis de 300 colectivos veciñais
Por Redacción
O grupo provincial do Partido Popular denunciou que o goberno da Deputación de Pontevedra eliminou o Plan de Acción Comunitaria (PAC), "deixando a máis de 300 colectivos veciñais de toda a provincia desatendidos ".
Os voceiros do PP, Nidia Arévalo e Ángel Moldes, criticaron esta decisión e anunciaron que no próximo pleno provincial defenderán unha moción para que a Deputación conceda as axudas de forma directa ás asociacións.
Nidia Arévalo dixo que esta liña de axudas era de "vital importancia", xa que se incluían investimentos para mellorar as traídas e depósitos de auga, os cemiterios, mellorar e equipar os locais veciñais, camiños, fontes e lavadoiros, entre outros. Coa subvención pagábanse os materiais, mentres que a construción corría pola conta da propia asociación.
Nidia Arévalo sostén que "o que buscan é que as persoas non veñan aquí e vaian a xunto dos alcaldes", pero explicou que están "enganando aos veciños" porque no Plan Concellos "están moi definidas as axudas, e non hai partidas nas que se poidan incluír nin investimentos que non sexan de titularidade municipal, nin actividades que non sexan de iniciativa municipal".
REUNIÓNS COS COLECTIVOS
Os deputados populares anunciaron que están organizando reunións cos colectivos afectados nas diferentes comarcas provinciais, para trasladarlles esta denuncia.