Esíxenlle a Portos de Galicia que complete os proxectos de mellora das zonas portuarias de Raxó e Covelo
Por Redacción
A Comisión de Seguimento dos Peiraos de Raxó e Covelo-Samieira, formada por colectivos veciñais das parroquias de Raxó e Samieira e o goberno municipal, reuníronse este luns e acordaron instar a Portos de Galicia a "que complete de xeito integral" os proxectos de mellora destas zonas portuarias.
A Comisión de Seguimento manterá este mércores unha reunión cos técnicos de Portos de Galicia nas súas dependencias en Pontevedra, na rúa Víctor Said Armesto, na que, entre outras cuestións, demandarán que trasladen por escrito as causas da demora no inicio da actuación da ponte do Covelo.
Portos de Galicia se comprometera a ter finalizada a ponte do peirao de Covelo antes do remate do 2015 máis a día de hoxe nin sequera se iniciou.
Os integrantes da comisión expresaron o seu malestar por este novo retraso, que ven a sumarse aos oito anos de demora que acumulan xa os proxectos integrais de mellora das zonas portuarias de Raxó e Covelo–Samieira.
"Repulsa pola falta de seriedade e o incumprimento coa palabra dada por parte de Portos de Galicia"
Na xuntanza expresouse unanimemente que a demora é "inxustificable", e manifestouse enerxicamente "a repulsa pola falta de seriedade e o incumprimento coa palabra dada por parte de Portos de Galicia durante todo o longo proceso desde que se asinara o convenio para realizar este investimento en Poio".
Nas diversas intervencións, pedíuse que Portos de Galicia explique por escrito ao Concello de Poio cales son os motivos da dilación en acometer a obra da ponte do Covelo.
Ao mesmo tempo, e dado o tempo transcorrido sen que apenas se realizou unha ínfima parte dos proxectos (a pasarela de Raxó), a comisión de seguimento acorda instar a Portos de Galicia que acometa as obras en ambos os peiraos e complete de maneira definitiva os proxectos integrais das zonas portuarias de Raxó e Covelo.
Relacionadas:
-
Os veciños de Covelo e Raxó cren que Portos de Galicia estalles "tomando el pelo"
Por Oskar Viéitez |
-
Amplíase a pavimentación na ponte de Covelo
Por Redacción |
-
Portos comprométese a comezar a vindeira semana as obras de construción da ponte de Covelo
Por Redacción |
-
Poio esixirá a Portos a inmediata remodelación da ponte de Covelo
Por Oskar Viéitez |