A patronal pontevedresa recomenda non pagar as multas de Portugal por non levar a "Carta Verde"
Por Oskar Viéitez
O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), José Manuel Fernández Alvariño, condenou as multas impostas a condutores españois nas estradas lusas por carecer de Carta Verde, requisito que deixou de estar vigente en 1990 e que é, xa que logo, ilegal.
"ÿ un atropelo fóra da legalidade. Esperamos que as autoridades de tráfico lusas rectifiquen esta campaña cun afán recaudatorio que vai máis aló da lexislación vixente en Europa. Desde a CEP recomendamos aos condutores que non paguen o importe da multa, pidan o documento da infracción e a recorran", indicou o presidente da patronal pontevedresa.
Esta nova traba á mobilidade súmase á implementación de peaxes nas autovías do Norte de Portugal, no outono de 2010, e ao recente anuncio de que serán incorporados novos arcos de cobro que encarecerán os desprazamentos polas autovías lusas.
"Dá a impresión de que hai unha campaña para que os galegos non vaiamos a Portugal. Pois isto non vai suceder. A CEP está firmemente comprometida co desenvolvemento da Eurorrexión e vai continuar loitando porque se eliminen as trabas á mobilidade", recordou Fernández Alvariño.
O presidente da CEP púxose en contacto co presidente e o secretario do Eixo Atlántico, José María Costa e Xoan Vázquez Mao, respectivamente, para exercer a presión institucional necesaria contra estas medidas.
A CEP ponse a disposición dos empresarios afectados para asesorarlles no caso de que cheguen a ser multados.