Traballadoras de Cuca ou a loita por preservar unha vida: "veunos aquí a regra e veunos aquí a menopausia"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
O 5 de decembro recibiron a mazada de que a fábrica de conservas Cuca de Vilaxoán pecharía e se trasladaría para O Grove, o 14 dese mes foi o seu último día de traballo e o 7 de xaneiro 69 persoas empezaron a cobrar o paro dentro do ERE suspensivo temporal no que entraron todos os empregados da conserveira a excepción dos destinados á oficina e labores de mantemento. Son datas que quedaron marcadas para sempre no calendario destes traballadores como pasos determinantes cos que o grupo Garavilla pon fin a "toda unha vida".
A máis veterana das traballadoras de Cuca (tan só son cinco homes, así que elas mesmas utilizan o feminino para falar de todo o persoal) leva 41 anos na empresa e o seu caso non é, nin moito menos, unha excepción. Entre 30 e 40 anos é a media de anos traballados nesta conservera polas empregadas que agora están en ERE e en pé de guerra por preservar a actividade da factorían na súa actual situación.
Teñen entre 40 e 50 anos e están convencidas de que "para moitas, con este traslado, remata vida laboral". Este convencemento levounas a alugar entre todas unha caseta de obra para instalala ás portas da fábrica na que traballaron toda a vida e manter alí unha garda por quendas de mañá e tarde para evitar, desta forma, que o grupo propietario empece o traslado da maquinaria á fábrica que teñen no Grove.
Saben que en canto empecen a levarse as máquinas o peche xa será irreversible e non están dispostas a toleralo. A fábrica está tan metida dentro delas como a súa propia familia. "Veunos aquí a regra e veunos aquí a menopausa", sinalan inamovibles na súa determinación de loitar ata o final.
Non son só elas as que están convencidas de que este será o fin da súa etapa de traballadoras en activa. Esta opinión compártena os veciños da localidade, de modo que "todos nos apoian". Proba diso é que raro é o día en que non reciben a visita dalgún veciño. " Nos 82 anos que leva esta fábrica abrta rara é a familia que non pasou por aquí ou que non ten ningún familiar aquí, aquí traballaron as avoas dalgunha, as nais, agora as fillas", indican as traballadoras. E esta vinculación con Vilaxoán é a que leva a medidas de apoio como a do dono da panadaría Bela Campo, Manuel, que cada día leva "pan, croissant, pasteis, tortas, empanada, de todo e moi rico" ás traballadoras en loita, tanto na quenda de mañá como no de tarde.
O apoio dos veciños demostrárono asinando manifestos en pro do mantemento da actividade en Vilaxoán e as traballadoras confían tanto nel que contan con eles no protocolo que teñen establecido para o caso de que detecten que os propietarios de Cuca empezan a sacar maquinaria da fábrica. Pedirán na lonxa que toquen a serea e na igrexa que repiquen as campás. Será o sinal para que todas as traballadoras que nese momento non estean de garda e todo o pobo en xeral acudan ás instalacións para evitar a saída dos camións.
Mentres esperan a que ese momento chegue confiando en que as negociacións a nivel laboral e político que manteñen eviten que, en realidade, chegue, pasan as horas na caseta. Alí resgárdanse da chuvia, organizan máis accións de protesta como unha manifestación dende Vilaxoán ata o centro de Vilagarcía o próximo mércores 23 e alí comparten vivencias dos seus anos na fábrica. "Aquí fixémonos mulleres, moceamos, casamos, compartimos embarazos, de todo, levamos toda a vida. Aquí fixemos as nosas amigas. Era máis a nosa casa que a propia. Eu entrei aos 13 anos, ela aos 14, ela aos 15... antes era ou que había, para a poboación feminina sempre foi unha saída, a necesidade facía que empezaramos a traballar pronto e os homes ían ao mar e nós a Cuca", explican.
O grupo Garavilla asegúralles que tan só pretenden trasladar o proceso produtivo de Vilaxoán ao Grove, pero que conta con todas elas na factoría grovense, que non eliminará postos de traballo. Pero elas non se fían. "Esta fábrica fai cousas moi distintas ás que fai O Grove. Vaise cambiar ou proceso todo de produción, ou artesanal convírtese en industrial", alertan. Ademais, "din que nos trasladan, iso garánteno, pero non nos garanten vos postose de traballo, non che garanten nin dous días, cando chegues alí pódenche botar".
Outro dis seus argumentos en contra do peche é a idade e a formación da maior parte do persoal. "Témola ao lado da casa, para que queremos irnos? Moitas somos persoas sen carné, con persoas ao seu cargo e isto supón movernos cando non podemos nin temos como. E sin contar que irnos suporá seguramente comer fora, temos soldos baixos e quedaremos en precario".
"Imos estar unidas, temos que estar unidas, van a intentar desunirnos", grítanse unhas a outras durante a súa protesta. Pero dende o cariño e o respeto, "aquí somos como unha familia, é algo que non se pode explicar, sempre fixemos que isto fora para arriba, xa pasamos por outras crises e aquí non se notou, implicámonos tanto todos, considerámolo com parte da nosa vida que por iso nos doe tanto".