Unha casa con moita vida
Por Oskar Viéitez
Arredor de 120 persoas pasan cada día pola Casa Azul.
Este edificio municipal de catro plantas, situado na rúa Sor Lucía, acolle a actividade de entidades sociais como o Secretariado Xitano, a Fundación Meniños, a asociación Anti VIH-Sida, a oficina de desahucios, etc.
Lupus, Fibromialxia, Alcohólicos anónimos, ata oito asociacións teñen aquí a súa sede xunto aos servizos municipais de Xuventude, Educador Familiar e Benestar.
Alberga talleres de breakdance, ioga, xardinería, informática, fontanería, e tamén terapéuticos, e ademáis o corazón da RedeAxuda.
Agora acaba de sufrir unha importante remodelación interna levada a cabo con catro duros e moita imaxinación por parte dos seus usuarios. Pintura, conexións eléctricas ou a construción do mobiliario, foron asignaturas dos distintos obradoiros ocupacionais, e os materiais recicláronse do almacén municipal de Campañó.
Tamén os accesos foron adaptados para facer accesible este espazo.
As Salas están bautizadas cos nomes de Fontáns, Almofrei, Lérez, Gafos, así todos os ríos da comarca.
A concelleira de Benestar Social, Carme Fouces, fala deste edificio con paixón e orgullo. Sorprendentemente móstrase convencida de que a Casa Azul aínda pode dar máis de si e anuncia que intensificarán algúns programas como o da erradicación do analfabetismo, habilitarán un taller de cerámica, poñerán en marcha un programa de voluntariado e que crearán da man de Agareso unha emisora on line como altofalante para persoas en situación de exclusión, discapacitados ou mulleres.
Traballan ademais en lograr a capacitación legal que acredite oficialmente as competencias dos usuarios dos talleres e homologue os cursos que se dan.
Ademais están ultimando o proxecto Hedra, no que se dará espazo a algunhas asociacións de ámbito social na Casa Azul para que logo devolvan á cidadanía algún tipo de actividade.