Responsabilizan á Xunta do abandono do parque da Lagoa de Castiñeiras e Cotorredondo
Por Redacción
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo denunciou publicamente o abandono do parque forestal e arqueolóxico da Lagoa de Castiñeiras e Cotorredondo.
Subliñan que este abandono que se vén producindo nos últimos anos "é responsabilidade da Xunta", por ser esta a administración que xestiona o parque natural, "por non cumprir coa súa obriga de manter a contorna limpa e en condicións".
Dende a Plataforma advirten que esta situación "acrecentouse desde a creación da Fundación Lago de Castiñeiras e Cotorredondo e o seu anuncio de pór en valor o patrimonio da zona e de crear un parque botánico".
Algúns dos exemplos do deterioro do parque son o incontrolado crecemento da biomasa da matogueira e a silveira. Esta está tan alta que chega até a copa das árbores e sobresae polos peches perimetrais de madeira.
Tamén sinalan a existencia vertedoiros de lixo incontrolados polos arredores.
Advirten da "invasión" da acacia negra. Esta especie alóctona, pirófita e invasora, está a se espallar polo medio das plantacións de carballos, castiñeiros, bidueiros e érbedos, e chega até a propia cuneta da vía asfaltada que sobe ao miradoiro de Cotorredondo, cubrindo boa parte da beiravía e as plantacións anexas.
Ademáis citan a "falta de atención aos restos arbóreos despois dos temporais". Os fortes ventos, como os rexistrados nos temporais do comezo deste outono, danaron a estrutura das árbores, rachando partes do tronco e a ramaxe, sen que se lles dé a atención debida e deixado os restos ciscados sen control polo chan.
Mesmo a "falta de coidados nas árbores". No conxunto botánico que, con máis de 40 especies de todo o planeta, existe desde mediados do século pasado, algunhas especies poderían estar en perigo de desaparición, de non aplicar os coidados silvícolas e fitosanitarios correspondentes.
Tamén denuncian as "cortas indiscriminadas de piñeiros" e o abandono dos restos das cortas, e o deterioro da sinalización.
Finalmente reflicten o "mal estado da lagoa" que contén restos de lixo e sedimentación anóxica nos seus fondos.
Por outra banda, salientan polo seu valor patrimonial e arqueolóxico, o abandono en que se atopa a Mámoa do Rei, unha das sete mámoas de Chan de Castiñeiras existentes dentro do parque. Este xacemento foi obxecto dunhas obras de rehabilitación no ano 2003 e declarada Ben de Interese Cultural de Galiza (BIC) no ano 2011 pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Actualmente o perímetro do seu túmulo está cuberto por unha densa matogueira de toxo, xesta, uces e silveiras, e a estrutura de pedra do seu dolmen, de máis de 5.000 anos de antigüidade, é utilizada por moitas e moitos visitantes como banco para sentar.
A Plataforma esixe da Xunta de Galiza, unha urxente actuación de limpeza e coidado do patrimonio natural e cultural existente dentro do parque da natureza da lagoa de Castiñeiras e de Cotorredondo que, sen afectar as zonas máis sensibeis –as brañas de Castiñeiras-, os deixe nunhas mínimas condicións de salubridade e saneamento, previo ao traspaso da súa xestión á Fundación e as comunidades de montes de Santomé de Piñeiro, Santa Cristina de Cobres, Vilaboa e San Xulián.
Así mesmo, demandan unha intervención arqueolóxica na mámoa -con dolmen- de Pedralonga, declarada tamén BIC e agredida no pasado pola propia administración autonómica coa construcción dun dos viais asfaltados do parque, para poñela en valor e integrala no conxunto das mámoas de Chan de Castiñeiras.
Relacionadas:
-
Bota a andar ao grupo de traballo para "salvar" Castiñeiras
Por Redacción |
-
O PSOE intenta sen éxito forzar no Parlamento que a Xunta entre na Fundación Lago de Castiñeiras
Por Redacción |
-
Críticas á marcha do Centro de Fauna Salvaxe de Castiñeiras para Cotobade
Por Redacción |
-
SOS do BNG de Marín para "salvar" o parque do Lago de Castiñeiras
Por Redacción |
-
Comezan os traballos de adecentamento de Lago de Castiñeiras sen o apoio das administracións públicas
Por Redacción |