Case 60 millóns en investimentos para o 'Horizonte 2020' que se marca o Concello
Por Alejandro Espiño
A piques de cumprirse os cen primeiros días do novo mandato, o goberno de Miguel Anxo Fernández Lores presentou un resumo dos investimentos previstos nos próximos anos. É a primeira vez que se fai unha planificación a longo prazo de todas as liñas de actuación, segundo asegurou o concelleiro de Facenda, Raimundo González. En total, para este 'Horizonte 2020' prevese investir un mínimo de 59,5 millóns de euros.
A través destas "liñas mestras", como as definiu o edil do BNG, o goberno municipal quere "culminar o camiño de consolidación do modelo urbano iniciado a principios deste século". Trátase, dixo, dun plan "ambicioso" e economicamente "factible" porque sinalou que "contémplanse os recursos que hai e non facemos futuribles". As primeiras actuacións serán incluídas xa no orzamento municipal para 2016.
En materia de mobilidade e accesibilidade urbana, o Concello prevé investir 15 millóns de euros no próximos catro anos. Nesta partida inclúense 3,5 millóns para a reurbanización de Loureiro Crespo entre o Hospital Provincial e a avenida de Lugo, 2,5 millóns para intervencións no tramo urbano do Camiño Portugués, dous millóns para o novo acceso a Monte Porreiro por Tafisa e sete millóns para outras actuacións aínda non determinadas.
Para a mobilidade nas parroquias destinaranse 12.5 millóns de euros. A maior parte dese diñeiro, 7,5 millóns, será para seguir avanzando no obxectivo de dotar núcleos de centralidade parroquial no rural pontevedrés; mentres que outros cinco con para outras actuacións. Ademais, outros catro millóns de euros investiranse en novos tramos do saneamento rural e dous millóns á rede de abastecemento de auga.
Sete dos doce millóns que se prevén investir nos próximos catro anos en infraestruturas deportivas serán para un novo pavillón na zona da Parda. A restauración e ampliación dos pavillóns xa existentes levará dous millóns e outros tres serán para novos campos de fútbol de herba sintética. Por outra banda, para completar a reforma da Casa Consistorial serán 700.000 euros e 1,8 millóns para novos centros sociais e culturais, como os que se habilitarán no Burgo e Os Campos.
Por último, a proxectos de recuperación ambiental e etnográfica destinaranse 7,5 millóns de euros, que se debullan nos 2,3 millóns para o parque forestal da Fracha e outros de nova creación, 1,9 millóns para novas zonas verdes urbanas, 2 millóns noutras actuacións forestais, 700.000 euros para o novo parque de Mollabao nos terreos de Malvar e 600.000 euros para accións de recuperación do patrimonio.
"Isto non é unha carta aos Reis Meigos, senón un plan realista que vai con soporte orzamentario", explicou Raimundo González
Nesta relación inclúense ademais os 4 millóns de euros que se reservan para melloras nos servizos públicos, que inclúen a compra de nova maquinaria, vehículos para Bombeiros ou Policía Local ou a renovación do material informático.
Neste "programa de mínimos" non están incluídas actuacións que xa se atopan en licitación como a Rolda Urbana, os investimentos que poida realizar a Xunta de Galicia na cidade unha vez abandonase esta, segundo Raimundo González, a súa "fase hooligan", como a variante de Alba ou a firma do terceiro convenio de saneamento; ou compromisos adquiridos de Fomento como o paseo marítimo entre Pontevedra e Marín ou a urbanización da PO-541.
Para financiar todas estas actuacións, o Concello de Pontevedra destinará fondos propios -que alcanzarían os 47,5 millóns de euros-, aos que se sumarían os doce millóns de euros que esperan lles transfira a Deputación a través dos convenios e acordos que xa se están negociando entre ambas as administracións. Por iso é polo que, segundo o edil nacionalista, "isto non é unha carta aos Reis Meigos, senón un plan realista que vai con soporte orzamentario".
Relacionadas:
-
Balance "moi positivo" de Lores nos primeiros cen días do seu novo mandato
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación e o Concello asinarán un protocolo para acometer diversas obras nos vindeiros catro anos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Lores cuestiona a lealdade da Xunta: "Moito me temo que a reunión co presidente non serviu para nada"
Por Natalia Puga |