Máis visitantes madrileños e portugueses en Sanxenxo en agosto; descende o número de galegos
Por Redacción
Os datos de consultas rexistrados nas oficinas de turismo municipais, situadas en Sanxenxo e en Portonovo, reflicten un incremento de visitantes superando con moito os índices de 2012 aínda que aínda afastados das cifras rexistradas en 2011.
E é que este pasado mes de agosto pasaron polas oficinas municipais de turismo un total de 2.001 persoas, o que supón un incremento do 19,09% con respecto ao mesmo mes de 2014, ao realizarse 382 consultas máis, sobre as 1.619 do pasado ano.
Con todo, a cifra de consultas de agosto dista moito das 3.581 persoas que se achegaron ás oficinas de turismo en agosto do ano 2011, o que a xuízo de Jesús Sueiro, concelleiro de Turismo, vén demostrar que Sanxenxo experimentou este ano unha clara recuperación no que á industria turística se refire e que xa foi constatada polo sector hostaleiro, cunhas cifras de ocupación aceptables e uns niveis de consumo tamén en aumento.
En canto á procedencia das persoas que realizaron consultas nas oficinas de turismo cabe destacar que o 89,76% , é dicir 1.796 persoas, son de orixe estatal mentres que o 10,24%, 205 persoas, proceden de diferentes países europeos. Madrid, o País Vasco, a Comunidade de León e Asturias son as zonas de procedencia do maior número de persoas que cursaron consultas nas oficinas de turismo, mentres que no que respecta a turismo estranxeiro Portugal, Francia, Inglaterra, Italia, Arxentina, Alemaña e Estados Unidos son os principais países de orixe.
En canto a porcentaxes, o turismo madrileño creceu un 27,15% con respecto a agosto de 2014 mentres que o incremento de visitantes vascos creceu un 21,60% e en similares porcentaxes aumentaron as consultas de persoas procedentes de distintos puntos da xeografía estatal. O único descenso rexistrado responde os visitantes procedentes da comunidade autónoma galega, cunha baixada do 6,72% con respecto a agosto de 2014. En canto aos visitantes estranxeiros, os datos da oficina de turismo reflicten un crecemento do 61,54% no que a turismo inglés se refíre e un 28,26% no relativo a Portugal.
En canto ao coñecemento do destino, os datos da oficina de turismo reflicten que o 56,72% (1.135 persoas) dos que se achegaron a facer consultas viñan por primeira vez a Sanxenxo, mentres que o 43,28% (866 persoas) xa coñecía o municipio.
Cabe destacar que o número de consultas non recolle o de persoas que pasaron pola oficina, xa que tendo en conta que estas foron realizadas por persoas que viaxaban en familia, para obter o número total habería que multiplicar o de consultas por catro.