Louro retoma a proposta de que o 'porto seco' de Marín se ubique en Cerponzóns
Por Redacción
O tenente de alcalde de Pontevedra, Antón Louro, retoma a proposta de que Leborei, na parroquia de Cerponzóns convértase no 'porto seco' que cubra as necesidades de chan industrial do porto de Marín. Nesta ocasión faino do modo máis formal que podería, a través dunha carta enviada ao presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa.
Louro reprocha a Suárez Costa que tivo coñecemento a través dos medios de comunicación da súa "constante preocupación por dotar ao porto de Marín dunha área loxística próxima ('porto seco') que solucione o problema da saturación e falta de espazos na área portuaria e permita o crecemento futuro".
Baesándose en que na súa opinón estas instalacións "constitúen un dos principais motores económicos de toda a comarca de Pontevedra", o tenente de alcalde envíalle a carta para "poñerme novamente a túa disposición para desenvolver o ansiado 'porto seco' no lugar de Leborei (Cerponzóns)", recordándolle que o terreo en cuestión ten unha superficie de ata 435.137 metros cadrados e presenta "unha situación máis que axeitada para satisfacer as necesidades que necesitas cubrir".
Recórdalle a Suárez Costa que se trata duns terreos xa contemplados no actual borrador de Plan Xeral de Ordenación Municipal de Pontevedra e cuxa xestión urbanística "pode abordarse de xeito rápido e eficiente". "Adianto para elo a total e absoluta colaboración desta Concellería de Urbanismo, que outorga a esta cuestión unha importancia estratéxica", comprométese.
Louro pasa a enumerar as virtudes da ubicación de Leborei, que contaría con conectividade ferroviaria directa non só co porto de Marín senón co resto dos portos galegos de interese xeral, "o que supón unha vantaxe loxística indiscutible para as empresas e operadores portuarios", e se sitúa ao pé da autopista AP-9, preto do nó de Curro e con fácil acceso á futura autovía A-57.
Conclúe o tenente de alcalde indicándolle que esta proposta supón unha "oportunidade viable de desenvolvemento non só para o porto de Marín, senón tamén para toda a comarca. Especialmente, nun momento de crise económica como o que estamos a vivir, e no que aos responsables públicos tócanos traballar arreo para sentar as bases da recuperación que todos desexamos. Unha recuperación que non será posible se non acertamos nas decisións que hai que tomar".