Masivo seguimento nas rúas da procesión da Virxe Peregrina
Por Diego Torrado
A chuvia obrigaba a suspender a procesión da Virxe Peregrina durante o ano 2014. Pero este domingo 9 o ceo encontrábase despexado e miles de pontevedreses e visitantes saíron á rúa para ver como a imaxe percorría o centro de Pontevedra subida na súa carroza branca, escoltada por axentes da Garda Civil.
A figura da Virxe Peregrina que só protagoniza esta procesión durante todo o ano era seguida por numerosos devotos que portaban candeas en dirección ao santuario nun acto relixioso organizado pola Confraría da Divina Peregrina.
A banda da Brilat e a Banda de Música de Salcedo tamén acompañaban a procesión na que non faltaron autoridades políticas como o subdelegado do Goberno, Antonio Coello, o xeneral da Brilat, Luis Cebrián, o director da Escola Naval de Marín, José María Núñez Torrente e varios integrantes do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra.
Ao remate da procesión desenvolvíase a tradicional Danza das Cintas, un evento que se leva celebrando dende o século XVIII na praza da Peregrina coa participación do grupo folclórico Duos Pontes.