O Concello estuda medidas para eliminar aparcadoiros irregulares en Montecelo
Por Redacción
O goberno local ten previsto realizar diferentes actuacións no ámbito do Hospital Montecelo coa intención de resolver os problemas de mobilidade que, segundo o concelleiro Luis Bará, se producen nese espazo. Por este motivo, queren acometer medidas de seguridade coa creación de beirarrúas, pasos de peóns, a creación de marquesiña para as paradas de autobuses e a reordenación de estacionamentos.
Neste sentido, o concelleiro de mobilidade, Luis Bará, sinalou que teñen previsto manter unha reunión coa xerencia do Complexo Hospitalario e coa concesionaria do servizo de transporte público para buscar fórmulas que fomenten a utilización dos autobuses para acceder a este recinto sanitario.
O goberno local considera a eliminación de todos os aparcadoiros irregulares, na súa maior parte situados fronte ao recinto da Cidade Infantil Príncipe Felipe para crear beirarrúas nese tramo. Ao mesmo tempo, ampliarase a zona de estacionamento para persoas con discapacidade no aparcadoiro público. Luis Bará sinalou que non está prevista a creación de máis prazas de aparcadoiro gratuíto. E engadiu que os estacionamentos privados os coñecidos como Leira Parks, segundo o estudo realizado por técnicos municipais sobre a zona, si poderían chegar a ampliar o número de prazas.
Ademais, o goberno municipal ten previsto buscar unha solución para minorar a velocidade do tráfico neste ámbito, xa que segundo os datos obtidos durante as mostras realizadas nesta zona a maioría dos vehículos superan os 30 km/h. aos que se pode circular polo tramo próximo ao Hospital con casos nos que se chegaba a superar os 100 km/h.
Bará indicou que se estuda a instalación de pasos elevados pero que dende a xerencia do CHOP mostran reparos a esta medida que dificulta a circulación de ambulancias.
En setembro, o goberno local manterá unha mesa de traballo con representantes do Hospital Montecelo e diferentes partes afectadas por estas obras que, segundo o concelleiro, serán asumidas integramente polo goberno local. Bará apuntou que esta actuación é prioritaria.
Relacionadas:
-
"Total sintonía" entre Concello e Deputación para reformar o acceso a Montecelo e Príncipe Felipe
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Técnicos do 061 trasladan ao Partido Socialista a súa oposición a construción de lombos en Montecelo
Por Redacción |
-
O PP quere que as ambulancias teñan un corredor libre de 'lombos' para chegar a Montecelo
Por Redacción |
-
Proxéctase a mellora da seguridade peonil en Montecelo coa construción de beirarrúas
Por Redacción |