A Brilat desprega drons na loita contra os incendios
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
A Brigada de Infantaría Lixeira Aerotransportable (Brilat) despregou este mércores ás patrullas que forman parte da misión "Centinela Gallego" de prevención de incendios forestais en Galicia, na que, como novidade, se incorpora o uso de sistemas aéreos non tripulados.
Trátase do RQ-11 Raven unha aeronave lanzada coa man e propulsada por un motor eléctrico. O avión pode voar ata 10 km a alturas de 305 metros sobre o nivel do chan e a unha velocidade de entre 45 e 95 km/h. O Raven pode ser tanto controlado remotamente dende a estación de terra como voar completamente de forma autónoma usando navegación GPS. Levará incorporada unha cámara de vídeo e ten capacidade de visión nocturna.
O exército español utilizou o Raven por primeira vez nas súas misións en Afganistán, agora empregarase este dron neste labor de vixilancia e disuasión dos incendiarios no monte galego.
Segundo informou en rolda de prensa o xeneral da Brilat, Luis Cebrián Carbonell, "el sistema cubrirá, en sucesivos despliegues, toda la zona de actuación" e aínda que evitou precisar o número destes drons que se utilizarán, si puntualizou que "será un número suficiente para controlar el área con cierta periodicidad y para concentrarlos en los puntos donde existe mayor riesgo".
Cebrián Carbonel supervisou xunto á conselleira do Medio Rural e de Mar, Rosa Quintana, na Base da Brigada en Pontevedra, o despregamento das 25 patrullas formadas por militares pertencentes a distintas Unidades da Brilat e ao Tercio Norte de Infantería de Marina de la Armada (Ferrol). En total son un centenar de militares implicados diariamente.
É o despregamento pertencente ao nivel medio, pero no momento que a Xunta solicitara ao Ministerio de Defensa un "aumento do nivel de esforzo" incorporaríanse dous helicópteros da Armada e aumentaríase o número de patrullas ata un número de 50 no nivel alto e un máximo de 75 no nivel moi alto.
"Prestan un servizo imprescindible na loita contra os incendios", destacou Rosa Quintana, subliñando o factor "disuasorio" que implica esta misión "para que aqueles que poidan pasarsele pola cabeza ir polo monte facer dano" ante "o feito de pensar que poidan ser observados por alguén do Exército ou por algún dos drones".
Relacionadas:
-
A Brilat volve esta semana ao monte por décimo ano consecutivo para unirse á campaña de prevención de incendios
Por Redacción |
-
Santa Bárbara viste a guerreira para celebrar o seu día cos artilleiros da Brilat
Por Redacción |
-
260.000 quilómetros vixiando o monte para loitar contra os incendios
Por Natalia Puga |
-
Os comuneiros, "perplexos" co convenio polo que a Brilat vixía os montes en prevención de incendios
Por Redacción |