Xa somos 83.534 pontevedreses
Por Alejandro Espiño
Pontevedra segue aumentando a súa poboación. Pero en 2012 faino a menor ritmo que en anos anteriores. Afiánzase por enriba dos 83.000 habitantes, o que a mantén como a sexta cidade máis poboada de Galicia. Así se recolle nos datos do padrón municipal a 31 de decembro de 2012, que volven demostrar o crecemento dunha cidade que é a única, entre as sete grandes galegas, na que os nacementos superan ás defuncións.
En concreto, Pontevedra conta con 83.534 habitantes, 413 persoas máis que hai un ano. ÿ o decimosexto consecutivo no que a cidade experimenta un aumento de poboación. De todos eles, un 74,89 por cento (62.561 persoas) viven no centro da cidade. Son 290 máis que no 2011. O resto, 20.973 pontevedreses, repártense entre as quince parroquias do rural, entre as que Salcedo, Tomeza e Lérez son as que máis habitantes gañan.
2011 | 2012 | |
Alba | 771 | 768 |
Bora | 799 | 784 |
Campañó | 1.904 | 1.898 |
A Canicouva | 257 | 258 |
Cerponzóns | 764 | 761 |
Lérez | 1.804 | 1.813 |
Lourizán | 3.198 | 3.199 |
Marcón | 2.224 | 2.225 |
Mourente | 2.005 | 2.011 |
Ponte Sampaio | 1.070 | 1.057 |
Salcedo | 2.141 | 2.153 |
S. María de Xeve | 875 | 882 |
Tomeza | 1.038 | 1.048 |
Verducido | 967 | 949 |
Xeve | 1.132 | 1.119 |
Outro dos datos curiosos que arroxa o padrón municipal é que 2012 foi o que menos nacementos rexistrou desde o ano 2000. Tan só naceron en Pontevedra 608 nenos, case 300 menos que hai catro anos, en 2008, data considerada por moitos como a orixe da crise económica. Pero esta baixa natalidade compénsase porque en 2012 os falecementos foron 561, a cifra máis baixa dos últimos doce anos.
E como somos os pontevedreses? Pois non moito máis diferentes a como son o resto dos concellos galegos. Hai maioría de mulleres (4.000 máis) que de homes; o maior volume poboacional sitúase entre os 30 e os 50 anos, en cuxa franxa de idade sitúanse 27.536 persoas; e os inmigrantes seguen sendo un colectivo moi numeroso na cidade, na que están empadroados 3.764 estranxeiros.
Ademais, Pontevedra mantense apenas sen cambios no número de nenos menores de catro anos. En 2012 contabilízanse 4.036 nenos desta idade, aínda que tan só 629 teñen menos dun ano. Neste sentido, hai que destacar que a poboación escolar (entre os 3 e os 16 anos) ascende ata os 11.114 pontevedreses, aínda lonxe dos 12.461 que había en 1996.
Pero o envellecemento poboacional tamén ten o seu reflexo na cidade do Lérez. Nunca antes contabilizáronse tantas persoas de máis de 65 anos. Un 17,93 por cento dos pontevedreses, é dicir, 14.984 persoas, excederon xa a idade de xubilación. E entre eles, case 5.000 superan os 80 anos de idade. Os máis lonxevos, 213 persoas, teñen 95 anos ou máis. Delas, tan só 42 son homes.