PSdeG-PSOE e Marea rexeitan a oferta do PP de crear unha fronte común na oposición
Por Redacción
A oferta realizada polo Partido Popular aos outros tres partidos da oposición -PSdeG-PSOE, Marea e Ciudadanos- para crear unha fronte común ante o goberno do BNG non obtivo o eco que esperaban os populares. Tanto os socialistas coma os responsables da candidatura de unidade popular rexeitaron o pacto ofrecido polo PP. Fixérono en senllas roldas de prensa celebradas nas dependencias municipais de Michelena 30.
Luis Rei, voceiro de Marea Pontevedra, afirmou que a súa formación "non vai a estar en ningunha coalición, nin á luz nin á sombra". Neste sentido, apuntou o momento de facer este tipo de propostas "era outro" e recordou que foi o PP o que "deulle o visto e prace" ao BNG para organizar o goberno e o traballo municipal ao seu antollo.
Neste sentido, reiterou que a partir de aí os únicos "puntos de acordo" aos que poidan chegar con outras forzas políticas "serán sobre temas concretos e con propostas concretas" e non cun pacto estable como suxerían os populares.
O PSOE NÉGASE A PARTICIPAR EN "CONTUBERNIOS"
Agustín Fernández, voceiro do grupo socialista, ironizou apuntando que a proposta de Moreira respondía a un "golpe de calor" engadindo que os populares foron os primeiros en "pactar" co BNG no pleno de organización municipal en contra dos intereses da oposición. "Temos pouco que falar co PP" alegou o representante socialista que "o señor Moreira ten moi pouquiño olfacto político" e espera que no futuro diga "cousas serias".
En todo caso, Agustín Fernández mostrouse disposto a escoitar todas as propostas pero que os socialistas non están dispostos a "participar en contubernios".